Algo debemos de estar facendo mal cando nos últimos tempos nos aparecen tantas voces dispostas a negar unha serie de cousas que ata o de agora ninguén discutía, pois eran verdades innegables. Faino Trump cando fala de «realidades alternativas». Mais por aquí tamén temos negadores que todas as semanas retorcen a realidade ata esgazala segundo as súas conveniencias. Xa sabemos: fake news, posverdade. As trolas de toda a vida repetidas mil veces ata que se toman por verdadeiras.
Un desastre.
Afirmar (é unha maneira de negar) que en Galicia o castelán está perseguido e a piques de desaparecer, como fan certas formacións políticas, é mentir sabendo que se está a mentir. É unha mentira que manca e que resulta doada de rebater a nada que un teña ollos e orellas e ande por Galicia. O galego perde falantes. Esa é a verdade innegable. Dío a Real Academia. O Consello da Cultura. Pero tanto ten. Eles negan iso e punto. Baseándose en que? En que o din. Punto pelota.
Negar que Franco foi un ditador (como se ten dito nos últimos tempos, coma se fose un señor que pasaba por alí) e que foi o responsable primeiro dun réxime criminal insoportable é mentir. Os historiadores téñeno claro. A realidade, de feito, teno claro.
Negar que en España hai violencia de xénero cando hai máis de 1.000 mulleres asasinadas en dez anos por homes é mentir. E é facelo á mantenta. Se antes dixen que certas mentiras doen, esta resulta letal. Por inhumana.
Hai quen nega que a Terra sexa redonda. Afirman (tanto ten a NASA ou o sentido común) que a terra é plana. Nos Estados Unidos son millóns os que cren iso, pero en España xa hai nas redes sociais perfís moi traballados para «rebelarse contra esa manipulación científica». Na terra de Trump, por certo, algúns dos terraplanistas, que así se chaman, ocupan importantes postos na administración de goberno. E quen di iso di os que negan a teoría da evolución. Adoitan coincidir nesa negación, por certo, con moitos terraplanistas. Para eles, tanto ten o que diga a paleontoloxía, a bioloxía, a xeoloxía, a lóxica ou os datos. A Terra é plana, a evolución non existe, nacemos así xa, feitos seres humanos. Por que? Porque si, porque eu o creo. Case todos os terraplanistas e negacionistas adoitan ser, ademais, racistas. Que curioso.
Si, algo estamos a facer mal como sociedade. E as consecuencias só poden ser letais. Porque cando falla a lóxica entra en xogo, sempre, a manipulación. E detrás, sempre, vén o fascismo.