Sós/SOS

Xosé C. Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

13 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aparecen unha soa vez nos noticiarios. Ocupan un espazo diminuto da actualidade por unha vez na vida: a súa morte. Abonda con repasar a prensa para encontrármonos cos seus ollos pechados para sempre. Madrid, 7 de maio do 2019, aparece o cadáver dun home que levaba un ano falecido. A Coruña, 25 de marzo, encontran o cadáver dunha muller cando ía ser desafiuzada. Ourense, 20 de febreiro, localizan o cadáver dunha muller que podería levar varios días morta no seu domicilio. Dumbría, Vigo, Celeiro, mil lugares. A palabra cadáver só ten significado benévolo cando aparece a carón do adxectivo «exquisito». Era un xogo que os surrealistas practicaron a principios do século pasado. Hoxe ninguén o recorda. A memoria é un asunto político, máis que persoal. Adoitamos falar de memoria histórica, pero non de memoria íntima. Tamén nos queixamos da nosa mala memoria, pero nunca da nosa escasa intelixencia. Os solitarios son seres que non ocupan megas na memoria do ordenador do presente. Non hai brigadas de voluntarios para reclamar melloras no seu estado vital nin, moito menos, apareceron como punto preponderante nos programas electorais. A soidade, na era da comunicación, é un produto en decadencia. Porén os solitarios, especialmente os que son noticia no seu tráxico final, son batallón. Un batallón que non pertence a ningún exército e que só figura, como elemento do Estado, cando vai cobrar a pensión ou é desafiuzado pola autoridade competente. Estamos construíndo unha sociedade do benestar, envellecida e pensionista, que non pensa no mal estar dos solitarios. Sós. Quero dicir, SOS. Algo estamos facendo mal para que haxa xente que só aparece unha vez nos noticiarios.