Tecnoloxías e simplificacións


Simplificar o traballo é cousa que tanto pode ser boa como arriscada. O malo é que pode levar a outra simplificación: á perda ou reducións das potencialidades do ser humano para procurar solucións aos problemas. Se tal cousa ocorre, estaríanse deturpando aquelas potencialidades, cousa da que xa se vén alertando.

 Ademais, as modernas tecnoloxías tenden a facilitar información masiva, mesmo ao chou, sen control crítico, o que pode levar, polo menos, á confusión, e ao mellor a un verdadeiro empacho. Non é a moita información o que cómpre senón que esta sexa de calidade.

E, ademais, debera ser posible que, coa mesma facilidade con que se pode conseguir, tamén se puidese acadar algún medio de escolla ou de contraste para chegar a unha certa seguridade.

Pois todos sabemos que contamos con portais que, a un só clic, nos dan toda a información que queiramos, e aínda moita máis da que se lle pide -que este pode ser un dos problemas-, pero que se nos dá sen a menor garantía, e que a experiencia ensina que se acostuma dar por boa. E este é outro problema máis.

O que pode constituír todo un atentado ao espírito crítico, pola tendencia de aceptar pasivamente todo o que aparece na pantalla, a dalo por bo, a non entrar a discernir os contidos.

Tanta facilidade pode ter un efecto búmerang, pois chega á xente, aos máis novos maiormente, sen o peneirado orientador dos ensinantes. O homo, mens simplex do noso tempo, é un feito.

 O problema non é novo. Xa Platón, no seu Fedro, o albiscara con moita claridade: «...recibirán moita información sen a instrución apropiada e, por iso, pensarán que son eruditos, cando serán en boa medida ignorantes».

 Nada novo baixo o sol. Os clásicos son clásicos porque sempre teñen actualidade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
27 votos
Comentarios

Tecnoloxías e simplificacións