E agora, a facer política

OPINIÓN

03 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa vai sendo hora de facer política. Todos estamos cansos da linguaxe alporizada, das aldraxes, das lixeirezas verbais ou das actitudes troleiras. Porque a política é outra cousa, algo tan sinxelo como procurar o ben común, o benestar da sociedade e a seguridade de que todo o que iso significa é posible.

Facer política non é tan só mellorar os salarios, acabar coas situacións de precariedade laboral ou garantir as pensións, que, con ser cuestións moi importantes, porque son as máis visibles e as que máis directamente afectan á sociedade, non son nin as únicas nin tampouco as máis importantes. Aínda así, pouco ou nada sabemos do que, nesas materias, proxectan facer os políticos que encabezan as diversas opcións.

É importante convencer á sociedade de que hai un proxecto de país, un proxecto que, ademais desas e outras cuestións suxeridas, debe conseguir que a sociedade o vexa e o sinta como proxecto propio, como programa no que quixera verse mergullada, como algo polo que paga a pena loitar e no que se poida crer.

Cómpre inculcar na sociedade unha cultura que mire á complexa realidade do país, unha cultura democrática que procure o desenvolvemento harmónico de todas as potencialidades culturais e non culturais do país, que infunda na sociedade a conciencia de que hai unha política grande para os grandes problemas que a todos nos atangue ou pode atanguer.

Facer esa política pola que, consciente ou inconscientemente, o país devece, ao mellor nin sequera esixe políticos de máis nivel dos que temos, pero si outra cobiza de máis altas miras das que teñen demostrado. Non é tarde para chegar a ese linde. O que importa é querer facelo, ter o proxecto e saber comunicalo. Será posible que ese proxecto aínda non o teña ninguén?