Con rímel e pintalabios saúdan a Cristo

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

29 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun programa da tele ensinaron a maquillar a nenas de primeira comuñón coma se fosen postadolescentes de caza en vez de nenas que van á igrexa a coñecer a Cristo á tenra idade na que nos campos pacen unicornios e fozan os osos amorosos. Seica o obxectivo era a discreción (esa virtude das mulleres de ben!) e que sigan parecendo nenas. Polo visto hai que maquillalas para que parezan o que son, que misterio, cos mesmos produtos cos que o Vogue promete colocarte nos vinte anos ao primeiro brochazo. Ese concepto de resta cosmética só o entendemos as mulleres de corenta, que agora estamos desorientadas ao ver nenas de primeira comuñón cuxa idade rolda os menos 18 anos.

Antes unha deixaba de ser nena, vagamente, nese intre preciso de se facer muller, como di Simone de Beauvoir, tomando conciencia de que o asunto pouco ten que ver con que lle medren as tetas, lle veña a regra ou faga a primeira comuñón. Algo tiña que ver con iso o día en que os afeites e maquillaxes comezaban a servir para agachar quen era unha realmente e amosar as credenciais fundamentais, o sobresaliente en feminidade, escenificando o mullerío con máscara de pestanas e labios vermellos para ser tratadas coma as señoras que debiamos ser.

Agora, segundo a tele, esas son as nenas de primeira comuñón. Mulleriñas dispostas a seren vistas como señoras que poden empregarse, en fin, para todo iso é para o que serven as mulleres por aí adiante. Xa saben, esas que se pintan. Mellor que se imiten máis a unha noiva que xa perdeu a virxindade ca a unha nena que cre que os ollos só serven para ver e os labios para comer. Iso tamén é violencia.