Do pasado, do futuro, de amenceres irreais

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

24 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Observo con estupefacción unha nova nun xornal que informa de que os chineses están a retransmitir os amenceres en pantallas porque a contaminación atmosférica non permite ollalos. Ilustra a nova unha imaxe gris cinsenta rachada polo vermello dun amencer encadrado nunha pantalla. A imaxe é dunha singular beleza. Como unha parva, quedo prendida dese amencer dixital, frío e vermello.

Cando era pequena imaxinaba que o futuro era ese lugar onde o condensador de fluxo nos permitiría viaxar á nosa infancia. E o futuro, que mudou nun presente que agora vivimos, non é coma imaxinabamos. Resulta que os coches non voan, os patinetes seguen a tocar o chan e os cordóns dos zapatos seguen a necesitar dunha man humana para debuxar unha lazada. A vida segue igual, ou semella igual. Pensamos que non hai diferenza entre ese pasado no que soñabamos este futuro e este presente que imaxina un novo e incerto futuro. Semella que nada cambiou. Ao final un érguese cada día da cama co firme convencemento de que nada mudou. Así un día. E outro. E outro. Pero de súpeto, un día, ollamos unha fotografía que nos fai topar de fronte coa realidade e descubrimos que o amencer non é de verdade. E xiramos a vista cento oitenta graos e confrontamos o noso pasado de ceos claros e amenceres vermellos, para decatarnos que a realidade, agora, é aquilo que se nos amosa a través dunha pantalla. A amizade é un contacto de Facebook. O amor, un match en Tinder. O éxito mídese en milleiros de seguidores en Instagram. O que non se rechouchía non é real. O que non se ve nunha pantalla xa non é de verdade. Ese amencer só é real para os chineses porque llelo amosa unha pantalla xigante.

Pero detrás desa pantallas, detrás desa nube cinsenta, segue a saír o sol. Seica chegou o momento de intentar despexar a bruma. De erguer os ollos da pantalla. De volver á conversa que se sostén ao mesmo tempo que unha mirada. A non apreciar a beleza simplemente no dixital.

A que escribe fai publicamente acto de contrición. Observa ese amencer de mentira e rexeita un futuro enmarcado por unha pantalla, aínda que incoherentemente perde horas ao día mergullada no submundo das redes e de Internet.

Para as miñas fillas quero un ceo límpido. Un amencer frío e claro. Unha amizade verdadeira. Bicos sobre a pel. Música en directo. Libros de papel. Mares limpos.

Para as miñas fillas quero un futuro con parte do meu pasado. Só con parte. Que o mundo siga crecendo e evolucionando, pero sen esquecer que seguiremos aquí mentres o sol siga saíndo de verdade. E haxa alguén para velo.