Un caso máis

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

23 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É un domingo pola noite do mes de abril. Unha muller e o seu fillo de once anos ven xuntos unha película na tele. Onde está o pai? A noticia non o di. Nunha das pausas de publicidade a nai vai tender a roupa da lavadora, vai boa temperatura e mañá estará seca, pensa. O neno queda só e tamén pensa: mañá terei que volver ao colexio.

Cando a nai regresa ao salón ve que o neno non está. Chámao, e non hai resposta. Pensa que quere xogar. Mira ao redor e ve a xanela aberta. Vai pechala, e dun modo instintivo mira cara abaixo. É un cuarto piso e non ve ben, na rúa hai un vulto... un corpo que leva o pixama do seu fillo.

Un mes e medio antes a nai denunciara o suplicio que o seu fillo estaba a soportar no colexio: insultos, illamento, vexacións de todo tipo. Os pais -agora si aparece o pai- culpan ao colexio de neglixencia. O colexio e a Administración deféndense: o protocolo para protexer do abuso escolar estaba en marcha.

A protección sempre chega tarde. Hai que alixeirar os trámites, conseguir que sexa unha acción inmediata e xeneralizar o que xa existe nalgúns centros: grupos de alumnos que actúan de mediadores e protexen aos acosados, combatendo o mal desde dentro.

Aquela noite, un veciño, farto de buscar un lugar onde aparcar, deixou o coche no vao da casa. Iso amorteceu a caída e o neno acosado, aínda que sufrirá secuelas, non perdeu a vida. O azar, ou o anxo da garda, se prefiren, supliu as deficiencias oficiais.