Un gran paso en rehabilitación

Heriberto García Porto TRIBUNA

OPINIÓN

22 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira lei galega de rehabilitación entra hoxe en vigor, co obxectivo prioritario de revitalizar e dinamizar Galicia, apostar pola recuperación efectiva dos conxuntos históricos e acadar un rural vivo e unhas áreas metropolitanas activas para unha Galicia próspera. A lei establece un marco legal que impulsa a recuperación do construído con criterios de sostibilidade e respecto ao patrimonio, favorecendo a dinamización e unha nova vida nestas áreas, grazas ás medidas de simplificación normativa, coordinación administrativa e instrumentos de financiamento.

Sendo conscientes de que non hai maior desprotección que o abandono, a recuperación destes espazos debe xurdir do deseño de accións e medidas que doten de vitalidade estas zonas e que as fagan atractivas como ámbitos de residencia e actividade. Os conxuntos históricos teñen que xogar un papel activo para dar valor engadido ás vilas, formando parte do conxunto da vida cidadá e favorecendo o seu desenvolvemento global. Por outra banda, a conservación dos asentamentos nos ámbitos rurais debe axudar a manter un mellor equilibrio no reparto da poboación no territorio, evitando o abandono e o despoboamento destas zonas e facilitando o mantemento de actividades económicas e de servizos, que doutra forma poderían chegar a desaparecer.

A lei presta atención á recuperación dos ámbitos que se atopan especialmente degradados, que serán declarados como áreas Rexurbe e disporán dun plan de dinamización, pensado como un instrumento estratéxico que marcará as actuacións a realizar non só en materia de rehabilitación de vivenda, protección do patrimonio ou mellora dos espazos públicos, senón tamén en materia social, comercial ou económica. Ademais, a lei inclúe medidas que facilitan as actuacións de rehabilitación, tanto para a realización de obras orientadas a mellorar a accesibilidade e eficiencia enerxética das edificacións como para intervir en inmobles que se atopan en total abandono e deterioro, pero activando mecanismos que garantan os dereitos dos propietarios ou ocupantes que non dispoñen de recursos para afrontar directamente unha actuación de rehabilitación.

En definitiva, esta lei pretende, ademais de impulsar as transformacións físicas e económicas da contorna na que se actúa, xerar unha «cultura de rehabilitación», pois cada vez máis a cidadanía comparte a crenza de que a recuperación e conservación das vivendas é unha necesidade persoal e colectiva, que ademais produce importantes retornos á sociedade.