Sen Galicia en Europa


Contan os relatos apócrifos que cando Ana Miranda recuperou a acta de eurodeputada houbo algún compañeiro galego que non se achegou a felicitala no hemiciclo; deulle unha fría benvida polas redes días despois. O tribalismo non é unha exclusiva galaica, pero é algo que se nos dá moi ben. Nas eleccións de dentro duns días renovaranse os nosos representantes na Eurocámara. Que Pepe Blanco non continuase nas listas e Millán Mon si pouco tivo que ver co seu traballo na UE. Por iso que sería bo que na próxima lexislatura houbese máis espazo para a colaboración entre galegos na UE. Escocia ten sido un bo exemplo: os seus seis eurodeputados reciben ducias de peticións cidadás cada día, algo moi propio da cultura británica, tantas que é imposible abarcalas. Sabían tamén que, fixesen o que fixesen en Bruxelas, ao final íanos reelixir ou non por como lle fora ao partido na política doméstica. Así que se axudaban mutuamente, alén do puxilismo que fixeran en público.

En Gales non é así, pero si no caso de moitos länder alemáns: existe unha concertación entre os deputados da mesma circunscrición, alén dos partidos, e os actores públicos e privados activos en Bruxelas. Ata o caso de Murcia é paradigmático: sendo poucos en Europa teñen unha rede moi eficaz dentro e arredor das institucións europeas. Foi un eurodeputado murciano o que tivo que mediar entre dúas campañas contra o despoboamento participadas por galegos.

A Galicia de Europa é tan minifundista coma a da casa. Cada un fai a guerra pola súa conta, aínda cando defendan o mesmo. Ou realizando actos de promoción en Bruxelas que o resto de actores galegos acaban coñecendo por terceiros. Moitos miles de euros se gastaron en financiar bolsas e na formación de varios centos de galegos sen logo facer rede con eles.

O do lobby galego é un deses lóstregos que nunca pasa do anuncio. O Goberno español está precisamente decatándose agora da necesidade do poder brando para incidir na UE. Vai sendo hora de que tamén os galegos nos poñamos a iso.

Por Serafín Pazos Vidal Responsable de política europea da Convención de Autoridades Locais Escocesas

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Sen Galicia en Europa