A Galicia baleirada de Antonio Fraguas

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

MANUEL MARRAS

21 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O rural volve ser ollado. O título da España baleira funcionou como un mazado. Axiña se traduciu ao xeito como a España baleirada, pero pouco significa sen o complemento: o sumidoiro de Madrid. A mellor forma de explicar o abandono da España interior (León, as Castelas, Estremadura, Aragón) é comprendendo un modelo de desenvolvemento. A ollada de María Sánchez (Terra de mulleres) mellora a de Sergio del Molino. Esta nova ollada tamén está en Galicia, por fin, despois de décadas atendendo só o eixe urbano e xestionando un desfasado desenvolvemento rural que produce abandono, eucaliptización e incendios.

A Galicia rural baleirouse no longo prazo da vida de Antonio Fraguas (1905-1999). En realidade todo comezou despois del facer corenta anos, cando o fascismo autárquico expropiou os montes aos veciños para plantalos de árbores. Algo máis tarde, aquela ditadura provocou o grande éxodo rural sen volta, nunha Galicia que xa levaba vinte anos sen emigrar. A enxurrada non parou máis e hoxe doémonos das aldeas abandonadas ou ocupadas por maiores de longa pero finita esperanza de vida.

O esforzo intelectual de Fraguas como etnógrafo ruralista permítenos percorrer o seu tempo de home moderno en tres décadas, o tempo retrógrado da ditadura golpista en catro e a recuperación da democracia noutras tres. Home novo do seu tempo, en 1933 inaugurou a emisora de Radio Galicia pero tamén gozou das ruadas de Cotobade. Fillo de emigrante que foi facer un petiño ao Brasil, foi un neno de aldea que estudou carreira. O seu traballo sobre o mundo rural tiña moito que ver co seu galeguismo político e coas mudanzas daquela Galicia moderna. Seguía a idea de Taboada, Lourenzo e Crespi, de recoller aquel mundo rural de traballos, ferramentas e costumes que se estaba a perder polos cambios da segunda industrialización que mudaba os mallos pola máquina de mallar, a baiuca pola taberna e a romaría de baile en rolda pola festa do agarrado.

Aquela vontade etnográfica estaba relacionada cun mundo que mudaba moi axiña. O freo do cambio provocado polos golpistas durou máis dun cuarto de século, e todo foi distinto despois do baleiro da ditadura. Aquela moderna visión etnográfica dos anos trinta quedou conxelada, conservada con agarimo polos galeguistas mentres ían envellecendo, e perdurou ata hoxe. En 1976 o Fraguas e moitos outros resistentes retomaron o que non puideran facer no 36 en moitos eidos, e do seu esforzo etnográfico e conservacionista saíu unha das maiores xoias civís do tempo actual: o Museo do Pobo Galego. Un milagre de colaboración.

Pasaran corenta anos e non pasaran de balde. Polo medio o baleirado forzado do rural, a interrupción dos procesos previos, a ditadura onde todo era obrigatorio fronte a un réxime de liberdades e pluralismo. España ficou fóra do tempo e con ela Galicia e a súa cultura. O rural foi quen máis o sufriu. A Galicia baleirada de Fraguas é hoxe un espazo para a especulación, para minas a explotar con técnicas antiecolóxicas, para depósitos de lixos perigosos, para seguir producindo enerxía -vella ou nova- sen retorno para as comunidades que alí viven. Termemos de quen enche os baleiros que provocou.