Sobre a irrelevancia das eleccións europeas


As eleccións ao Parlamento Europeo non parecen espertar grande entusiasmo nin entre os cidadáns nin entre os partidos que compiten para representalos. A todos os efectos parecen ser consideradas como unhas eleccións de segunda orde, máis aptas para facer expresión dun voto de rexeitamento sen consecuencias aos partidos, ou para facer experimentos co voto e descubrir novas sensacións electorais probando con forzas novas, que para decidir o goberno de institucións que teñen unha influencia enorme e cada vez maior na nosa vida económica e social, e que gobernan dende o diñeiro e a banca ata políticas como a agrícola, a pesqueira ou a construción naval, por citar algúns sectores relevantes na nosa comunidade. Varias poden ser as razóns o que o expliquen. A primeira é a propia complexidade do sistema político europeo e o relativo pouco peso que xoga aínda o Parlamento Europeo nese sistema. O sistema político europeo é distinto dos sistemas políticos aos que estamos acostumados, isto é, sistemas monocéntricos nos que hai un executivo e un parlamento que o escolle e controla. Na UE, en cambio, facendo honor as orixes de Europa, o sistema esta a día de hoxe concibido de forma policéntrica, con varios poderes en competencia (Parlamento, Consello e Comisión), sen que estea por tanto moi claro cal é a incidencia do noso voto e en que se vai concretar a efectos prácticos. De feito escollemos un parlamento que, se ben vén incrementado substancialmente nos últimos anos a súa influencia na elaboración de políticas e programas, non conseguiu aínda situarse como a institución que establece a composición do Goberno comunitario e a elaboración das súas normas.

Derivado disto, e en segundo lugar, boa parte da política europea elaborase de acordo a principios tecnocráticos, afastada dos controis democráticos aos que estamos afeitos. Por exemplo, a política monetaria tan relevante nestes últimos anos, e elaborada por un Banco Central Europeo que adoita dar poucas explicacións e que non se sabe moi ben diante de quen responde. É normal por tanto que a cidadanía se sinta alienada ao respecto deste tipo de institucións (tan políticas como as outras, pero menos transparentes).

E en terceiro lugar, os propios medios de comunicación non é que destaquen polo seu tratamento informativo destas eleccións. O máis usual é tratar estes temas na área de internacional e non nas de nacional ou local, como correspondería. Os propios partidos seguen o exemplo e gastan a maior parte dos recursos en potenciar as eleccións autonómicas e locais, publicitando pouco os seus programas e candidatos e debaténdoos aínda menos. Cos estes vimbios quen se pode estrañar de que a participación sexa baixa e o interese aínda o sexa máis.

Por Miguel Anxo Bastos Boubeta Profesor de Ciencia Política da USC

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Sobre a irrelevancia das eleccións europeas