Un sistema elitista e que marxina o uso do galego

Nerea Edreira EN CONTRA

OPINIÓN

19 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Outro ano máis o estudantado galego terá que presentarse á proba de acceso á universidade, a ABAU, un conxunto de exames que limitan as opcións de estudo e son só unha parte máis da lei educativa española deseñada de costas á realidade galega e á comunidade educativa, sen ternos en conta a nós, as estudantes galegas.

Dedicamos anos de preparación que se demostran nuns poucos días, sendo decisivos para o noso futuro, ademais de confiarse a avaliación de dito exame a un profesorado externo que non está connosco día a día, nin coñece o noso progreso.

Continuando cos motivos para estarmos en contra, achamos que esta proba está completamente elitizada, posto que algunhas das estudantes que non consigan a nota necesaria accederán a unha carreira privada onde a nota sexa inferior á publica. A idea é sinxela: que estuden os ricos.

A presión e a cantidade de temario (visto está na ampliación de temas en Historia de España, engadindo o Neolítico) non axudan durante o curso académico, facendo que moitas estudantes abandonen os estudos. Porén, para o resto de estudantes o bacharelato convértese nunha competición para ver quen obtén a máxima nota.

Por outra parte, a chegada da Lomce veu acompañada da materia de Relixión, que computa para a media, e en moitos casos chega a ser unha materia obrigatoria pola dificultade de estruturación dos horarios.

A maiores o actual sistema educativo, lonxe de fomentar o uso do galego, segue sendo favorable ao uso do castelán, e mira cara a outro lado cando non se imparten as materias na nosa lingua. Con isto o que se consegue é que se fomenten prexuízos sobre o idioma e se dificulte a libre expresión deste.

Desta maneira, o último obxectivo da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce) é a formación de mozas e mozos.

Dende Erguer. Estudantes da Galiza esiximos a fin destas probas, xa que buscan un ensino onde a avaliación continua é reemprazada por un modelo neoliberal, elitista, retrógrado e con materias de primeira e de segunda.

A construción dun ensino público, galego, democrático, de calidade e feminista pasa pola total derrogación da Lomce; un ensino que acadaremos cunha lei galega de educación.