De que Europa falamos?


Contra os primeiros anos da década dos 90 un grupo de editores intentamos poñer en marcha un proxecto dirixido aos lectores máis novos, estudantes de bacharelato principalmente, coa idea de presentar en distintas linguas e en diferentes países a historia de Europa. En realidade tratábase de intentar un discurso común, unha explicación integradora da nosa realidade histórica, da nosa condición de europeos, da nosa cultura e da nosa diversidade, na idea de contribuír á construción dunha nova cidadanía cara ao século XXI: cen volumes de aproximadamente 150 páxinas, impresos a cor, ben ilustrados, con carácter divulgativo e didáctico.

Iniciamos as primeiras sesións de traballo en Frankfurt e acordamos reunirnos en distintas localidades, aproveitando os encontros internacionais da profesión. Inicialmente eramos non máis de dez editores, entre eles os galegos (Edicións Xerais de Galicia), pero tamén editores en catalán, castelán, francés, holandés, alemán, italiano e inglés. Os galegos apuntámonos a un volume que dedicariamos ao Camiño de Santiago. Levabamos o prestixio internacional do noso amigo Serafín Moralejo, que xa non está entre nós, mais que era recoñecido como unha autoridade no tema. E aí empezaron os problemas. Dende o primeiro momento os franceses reivindicaron a propiedade do Camiño, que segundo eles era unha proposta política da cristiandade de Occidente capitaneada polo imperio carolinxio, os pensadores de Cluny e o pontífice romano.

Cando saíu o tema do islam, alguén quixo despachar o asunto con medio volume. Difícil explicarlles que na península ibérica o islam desenvolvera unha riquísima cultura durante setecentos anos, con pegadas moi fortes na personalidade, na historia e na memoria do continente, mesmo na lingua. E non só na península ibérica. Problema semellante xurdiu cando tocou a figura histórica de Napoleón. Batallas e acontecementos que uns consideraban vitorias outros tíñanos rexistrados como espectaculares derrotas. Pouco a pouco fomos esmigallando de tal maneira o proxecto que ao final pouca cousa quedaba, os desacordos empezaron a causar baixas entre os editores e da idea común apenas quedou nada.

Ao longo desta próxima semana os europeos seremos chamados ás urnas para votar os nosos representantes nunha das construcións políticas máis ambiciosas da historia contemporánea, onde se deciden máis do 50 % das cuestións estratéxicas que atinxen ao desenvolvemento das nosas sociedades (tamén Galicia!); e, malia todo, máis do 40 % da poboación, segundo as enquisas, considera que estamos a falar doutro planeta. Para unha parte importantísima da poboación os grandes acontecementos simbólicos nos que na actualidade se recoñece Europa (cultura pop) son a Champions League e, onte pola noite, o festival de Eurovisión; se acaso, e cada vez menos, o Tour de Francia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

De que Europa falamos?