Paisiño


Diminutivo de país; irónico, non moi agarimoso. Ese país que se conforma e deixa esmorecer o que é, agachado tralos ventos mornos dun día de maio. País de axencia de viaxes que se sostén cun 4 %, segundo as estatísticas, e, con iso, o paisiño crese xigante e olla para outro lado mentres a esclerose o atenaza.

Paisiño que outorga premios, celebra remendos e non se exporta, senón que emigra. Esas cousas de países coa síndrome de Peter Pan, que se negan a medrar porque están mellor na pequenez irresponsábel e na dependencia dos mequiños cos que os países grandes os alimentan, e tanto lles meten a culler como llela quitan. O medo a que os paisiños se atragoen está aí, así que é mellor que coman pouco, non vaia ser. Sen grandes cifras. Sen grandes empresas culturais. Sen grandes nomes deses que os países de verdade botan por diante. Sen as grandes obras que alicerzan os países como é debido. O paisiño, medio atragoado pola esclerose e a síndrome de Peter Pan, nunca acaba de crer que as súas cifras, empresas, nomes e obras son grandes só se o desexa e o fai, como dicía Dorothy en O mago de Oz, que para iso visitou ese país enorme cheo de soños feitos realidade grazas á ambición dun feiticeiro tecnoloxicista.

Galicia podería ser coma Oz e deixar de ser un paisiño en que as xentes viven mellor laiándose en lugar de preguntarse por que a lingua galega escorrega polos sumidoiros das escolas públicas, por que case ninguén le a nosa literatura, por que no Día das Letras Galegas é obrigatorio facer coma quen que somos de verdade cando, en realidade, non somos máis ca un paisiño enfermizo que non se atreve a ser Oz por se, no camiño de baldosas amarelas, quedan os mediocres que construíron a farsa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
19 votos
Comentarios

Paisiño