Volve o dinosauro misóxino

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

15 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Judi Dench díxolle a James Bond: «É vostede un dinosauro misóxino e sexista. Unha reliquia da Guerra Fría» (Goldeneye, 1995 ) Desde entón chamoulle misóxino incluso Daniel Craig cando estaba a promocionar Spectre: «É un misóxino, un sexista e un solitario… non ten nada bo que ofrecer». E tamén dixo que se cortaría as veas antes de rodar outra película de James Bond. Agora Craig está en Xamaica promocionando o arranque do Bond 25 da saga, da que só se coñecen os intérpretes. Os sucesivos atrasos no arranque da rodaxe e os cambios de directores e guionistas parece que teñen algo que ver cos intentos de facer de James Bond un individuo que non choque frontalmente coa sensibilidade actual do movemento MeToo.

A petición de Daniel Craig, contrataron para puír o guión do Bond 25 a Phoebe Waller-Bridge (guionista e protagonista da serie Fleabag). Ou sexa, podemos supoñer que haberá toques de humor negro e de feminismo politicamente incorrecto. Por outra banda. Ian Kinane, senior lecturer da Universidade de Roehampton, asegura que Bond chegou á súa data de caducidade: «Como personaxe é un anacronismo total». E engade que nin Inglaterra é o grande imperio que era en tempos de Ian Fleming nin Bond pode ser hoxe un heroe para ninguén. Ou si pode? A ver o que di o público.