Lugares comúns da política covarde


Nunha desas entrevistas de corte persoal que se estila facer a políticos en precampaña, un di: «Por política, non perdería un amigo». Que bonito. Aplausos. Ao lelo, atragóaseme o café. Vaia labazada. Iso explica tantas cousas! Son parvadas que se din así, sen pensar, porque, se reparan, amosan que estamos en mans dun bempensantismo perigoso, que fai política mediante un compendio de lugares comúns. É así como o discurso se volve parvo e, no peor dos casos, manipulador. En realidade, os políticos responsábeis arríscanse a perder amigos por cumprir coa obriga de servizo público: incluso a descoñecidos, incluso a votantes dos rivais, porque hai cousas que están por riba das persoas concretas. A iso, os ilustrados chamábanlle o ben común e segue a ser unha fermosa idea. Se eu perdín amigos por escribir o que consideraba responsábel, como non perdelos coa política! Nesta interminábel campaña, imos oír unha manchea de tópicos que son estupideces: que se todas as opinións son respectábeis (incluso as intolerantes), que se son inaceptábeis as manifestacións de descontento ante os políticos en campaña (o soportábel é esa escenificación estúpida de bandeiras e confeti na que só participa quen paga a cota do partido), que se as campañas son para as propostas de futuro (non vaia ser que avaliemos o pasado). Pero a xente que le aprendeu na infancia a lección de Lewis Carrol: o País das Marabillas non era unha democracia. Hai que ser moi valente para erguer discursos que saquen á xente da comodidade boíña de coller as papeletas co corazón e non co cerebro. Na política, debería haber menos riquiñismo e máis intelixente atrevemento.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
19 votos
Comentarios

Lugares comúns da política covarde