Rexistro horario para combater a fraude

José A. Gómez SEC. XERAL DE UGT-GALICIA

OPINIÓN

12 may 2019 . Actualizado a las 17:16 h.

rexistro do control horario supón unha reivindicación do sindicato dende hai anos, pola dificultade que existía ata o de agora para poder coñecer tanto a xornada ordinaria como as horas extraordinarias que realiza calquera persoa traballadora. De sete millóns de horas extraordinarias que se fan á semana, tres millóns nin se pagan nin se compensan, e isto repercute nos ingresos dos traballadores, nas arcas da Seguridade Social e nos ingresos do Estado.

Esta medida ten que facilitar que a Inspección teña un modo de controlar directamente as horas extras e será un importante instrumento para a loita contra a fraude no emprego (horas extras excesivas, non respectar os períodos de descanso entre xornada e semanal, contratos a tempo parcial que se ven sobrepasados pola realidade e que se utilizan de xeito fraudulento...), que supoñen graves prexuízos, tamén na saúde dos traballadores.

Aínda que as horas extraordinarias non son obrigatorias, senón voluntarias, por todos é sabido que nalgunhas empresas onde os traballadores teñen unha grande inseguridade laboral aprovéitanse desta situación para impoñer unhas condicións non dignas. No escenario actual, os traballadores teñen dificultades para a denuncia, polo tanto urxía un mínimo legal que debería cumprirse con esta nova norma.

Norma necesaria, aínda que para nós, insuficiente, por non incluír os instrumentos necesarios para facer efectivo este control. Polo que dende UGT reclamamos un desenvolvemento normativo e enmarcar esta medida dentro dunha contrarreforma laboral que deixe de empobrecer os traballadores e consiga que a recuperación chegue ás familias.