Balance económico da moción de censura

Manuel Lago
Manuel Lago FIRMA INVITADA

OPINIÓN

08 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasaron dez meses desde a moción de censura que acabou co goberno de Rajoy, tempo suficiente para facer balance da evolución da economía e o emprego neste período. En breve síntese, a economía española está crecendo ao 2,4 %, o dobre que a media da eurozona; hai 600.000 persoas máis traballando, co emprego crecendo a unha taxa do 3,2 %; a inflación está no 1,5 %, por baixo da media da Unión Europea; o déficit público reduciuse ata situarse no 2,5 %, o seu nivel máis baixo desde a crise; e a débeda pública baixou ao 97,5 % do PIB.

É sen dúbida un balance positivo nas variables macroeconómicas básicas, pero unha lectura máis profunda revela que ten graves carencias, tanto no modelo de crecemento como na forma na que se reparte a riqueza.

No modelo de crecemento, porque o número de persoas traballando aumenta máis que a produción -o 3,2 % do emprego fronte ao 2,4 % do PIB-, o que significa unha produtividade negativa só explicable porque crecemos sobre emprego precario en actividades de baixo valor engadido.

En como se reparte este maior crecemento, porque no 2018 a participación dos salarios no PIB é catro puntos inferior á de antes da recesión, unha cifra equivalente a máis de 45.000 millóns de euros.

En todo caso son apenas dez meses fronte á austeridade e á desvalorización do traballo impostas dende maio do 2010, que provocaron unha enorme desigualdade social, unha insoportable precariedade laboral, un grave deterioro dos salarios e do resto de condicións laborais, un aumento da pobreza, incluída a laboral, unha maior desprotección social e un deterioro dos servizos públicos.

Volvendo ao balance do último ano, hai que preguntarse cales son as razóns que explican a mellor evolución da economía española en termos comparados coa UE. É un debate complexo que vai máis aló da extensión deste artigo, pero sen dúbida o principal factor é a rectificación parcial da orientación da política económica a partir do cambio de goberno. Fronte á austeridade e á depreciación salarial avánzase, aínda que timidamente, nun aumento do gasto público e sobre todo na mellora dos salarios.

Unha reorientación con dúas medidas fundamentais: a subida das pensións co IPC e o aumento do salario mínimo interprofesional a 900 euros mensuais, conseguidas pola mobilización social e trasladadas por Unidos Podemos ao acordo orzamentario co Goberno.

Estas dúas decisións melloraron a vida de case 9 millóns de pensionistas e de 2,5 millóns de persoas asalariadas (incluíndo nesta cifra as persoas do sistema de empregadas de fogar e da agricultura). Un incremento salarial que tamén beneficiou ao conxunto de persoas asalariadas, tanto do sector privado como das Administracións públicas, polos acordos de negociación colectiva asinados polos sindicatos, a patronal e o Goberno ao longo do 2018.

Esta é a clave, porque nove de cada dez fogares españois teñen nos salarios e as pensións a fonte principal dos seus ingresos. Aumentar a renda do 90 % da poboación non só mellora o seu nivel de vida, senón que impulsa a demanda interna, que é o factor clave no crecemento económico. É un círculo virtuoso: máis salarios, mellores pensións, máis benestar, maior crecemento e máis emprego. Esta é a senda pola que ten que avanzar o novo Goberno, que debe vir acompañada por unha aposta decidida por mellorar a calidade do emprego.