Non me digan a quen votar

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

07 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non me digan a quen votar. Non agora. Propóñanme antes que van facer e logo eu decido. A política funciona así. Os partidos preparan programas, obxectivos aos que pretenden chegar e polos que van loitar, e os cidadáns elixen. Moi sinxelo e básico. Pero... semella que non se entende.

Agora, despois das eleccións, síntome increpada polos partidos. En xeral. Por máis de un. E tamén por simpatizantes deles, que van lanzando por aí proclamas e afirmacións coas que darnos leccións. Que pouco miramos cara a dentro.

Hai un descontento xeral cos votos non recibidos. En lugar de analizar cales foron os motivos que levaron a esta situación, a tónica común é culpar aos non-votantes. Como non votarnos? Que conciencia teñen?

Pois cada un a súa. Eu co meu voto fago o que me peta. Non teñen que darnos leccións, a posteriori, do que tiñamos que ter feito. Isto non vai así. Conquístennos antes. Se non o conseguiron, algo fixeron mal. Ou non! Porque igual transmitiron xusto o que querían e resulta que non é o que nos interesa!

Fagamos autocrítica. Todos. Na dereita e na esquerda. Porque culpar ao cidadán non é nin axeitado nin lícito. E ademais non serve de nada, só para afastarnos máis.

Autocrítica. Aí está a clave. Porque é moi difícil a crítica contraria e simple cara aos demais pero moi difícil saber mirar por dentro e dar cos erros, que os hai. Así que deixen de increparme e chamar pola miña conciencia, que a teño ben tranquila. Ademais, non saben nin a quen votei, pero a todos nos colgan etiquetas.