As malas nais non merecemos un día

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

06 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un coñecido centro comercial que leva un tempo sendo máis viejuno ca outra cousa fixo a súa publicidade do Día da Nai cunha foto en que se ve a unha guapa muller nova, non explosiva, por suposto, e o seguinte texto escrito enriba: «97 % entregada. 3 % egoísmo. 0 % queixas. 100 % nai». Porque todo o mundo sabe que as malas nais somos unhas egoístas, que estamos queixándonos sempre porque queremos ter a nosa vida á marxe da nosa familia. Son moito mellores as nais abnegadas. Xa saben a historia: escribín un libro sobre a miña procura da abnegación durante os nove meses dun embarazo, e recibín paus de tirios e troianos. O 100 % dos pais, en cambio, son normais, un pouco egoístas, quéixanse todo o día e prefiren entregarse ás cousas que lles dan pracer. A eles, o mesmo centro comercial viejuno non os alecciona a través da súa publicidade do Día do Pai.

En fin, entendan: merecen un agasallo as mulleres que se repregan na escravitude familiar e viven para os demais. Un negocio redondo para o capitalismo que, agarradiño do patriarcado (perdón, non se pode dicir isto sen utilizar estas palabras), atopou man de obra gratuíta para o arduo traballo do fogar e a crianza. Perdón, gratuíta non, moi barata: aí está o agasallo do Día da Nai que a min non me van facer. É todo tan redondo e perfecto! De paso que nos agasallan ese día, sostemos os centros comerciais que fan estas campañas para convencernos de quen son as boas nais que merecen o amor familiar o primeiro domingo de maio e as malas nais que non merecemos agasallos: as que gañamos cartos e mercamos egoísta, desentregada e queixosamente os nosos propios perfumes e afeites. Oxalá as miñas fillas cheguen a malas nais.