Unha historia de amor

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

05 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na igrexa de Santiago de Loureiro, non lonxe do lugar de Insuela, casa natal de Antonio Fraguas, e preto da carballeira de Famelga, onde estaba a escoliña rural na que o neno deprendeu as primeiras letras, ou as primeiras descubertas, no cemiterio de igrexa de Santiago, digo, que daquela estaba no adro, hai unha campa onde se pode ler a historia de Florentina García, que seica morreu de amor aos 23 anos, en 1857. «De la prenda tan querida yacen aquí los despojos / y no se contienen los ojos de llorar a Florentina / García. / Joven desconsolada que a los 23 años de edad / pasó a la eternidad./ Diciembre, día primero de vida fue el postrero/ para esta joya malograda». Así reza o epitafio. Nada sabemos do seu autor, nin de quen o mandou labrar desta maneira.

Seica Castelao, que en 1926 pasou un verán en Cotobade, na compaña da súa muller e mais do seu fillo Alfonso, daquela xa algo mirrado de saúde, coñeceu a historia por boca da familia de Antonio Fraguas, e debeu impresiónalo moito porque no libro segundo de Cousas, publicado na Coruña en 1929 pola imprenta Nós, o de Rianxo incorpora unha dedicatoria: «A Florentina, rapaza que morreu de amor na feligresía de Loureiro o ano 1857». Así o lembra o propio Fraguas nun traballo publicado no Boletín da RAG (nº 357). Castelao aproveitou aquelas semanas de verán para percorrer as terras de Cerdedo, Carballedo, Rebordelo, Loureiro levantando debuxos de santos e cruceiros, moitos dos cales figuran en As cruces de pedra na Galiza (Buenos Aires, 1950). Mais a historia de Florentina García aparece na portadiña da segundo libro de Cousas.

Hai varias versións. Os sucesos deberon causar grande conmoción na bisbarra. Dous rapaciños críanse xuntos, como irmáns inseparables. Xuntos andan aos niños, ás amoras das silveiras e aos cágados nas pozas do río Almofrei. Mais co tempo, a amizade vira en amor, a adolescencia abre os ollos á vida, e os mociños xuran non separárense nunca. Asi pase o que pase. Nunca. Ela viña de xente humilde. El, fillo do señorío. A pequena quedou encinta e os pais acordaron afastar pola forza os dous amantes. Igual que nas traxedias clásicas. A el mandárono lonxe. Ela quedou na aldea. O resultado está na lápida, moi ben labrada e conservada. Disque a cativa, avergoñada tamén polos seus, foi refuxiarse nunha casiña isolada que aínda se conserva en ruínas, no lugar que din A Cancheta, en Frade de Loureiro. Alí esmoreceu. Os veciños, que coñecen a historia pola memoria dos avós, igual que Castelao a coñeceu polo pai de don Antonio, amosan a lugar con respecto, coma quen leva unha culpa antiga, unha inxustiza dos vellos tempos. «Aquí morreu Florentina», din. Catro pedras entre os carballos. A historia segue viva nas terras de Cotobade, onde o próximo 17 de maio celebraremos o día de Antonio Fraguas.