Covardías

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

04 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A semana das eleccións empezou mal para o PP, porque o día 25 a corporación municipal de Ferrol decidía, a proposta do BNG, retirar a Fraga o título de fillo adoptivo que se lle concedera en 1965, cando era ministro de Información e Turismo. Eu non digo que Fraga merecese tal distinción e por deixarnos o embolado da Cidade da Cultura quitaríalle todos os títulos honoríficos que se lle concederon en Galicia; pero por ser ministro franquista… O grupo municipal do PP argumentou que Fraga é un dos pais da democracia, elixido presidente da Xunta de Galicia con maioría absoluta en catro lexislaturas; pero o portavoz do BNG respondeu que iso non se cuestiona, senón o seu servizo á ditadura. Pois digo eu que se Fraga foi ministro aperturista de Franco, pedra angular da Transición, político demócrata durante 35 anos e conseguiu, ademais, erradicar a extrema dereita do mapa político español, debeuse ter en conta todo isto como «eximente incompleta e circunstancias atenuantes», e desposuílo a tempo parcial -6 anos e un día, por exemplo- e non a perpetuidade. Nisto da memoria histórica cómpre sermos serios e rigorosos.

Nin seria, nin rigorosa, nin leal ao fundador é a executiva do PP galego, que, malia o Twitter de Feijoo, actuou como a dereitiña covarde que denuncian os líderes de Vox. Por certo, Cayetana Álvarez de Toledo coidaba que «la derechita cobarde» era o PP de Rajoy, non o de Pablo Casado, chantado sen complexos na dereita-dereita. Ortega Smith, secretario xeral de Vox, sacouna do erro ao falar do PP como «esa derechita cobarde que ahora nos copia los discursos y las palabras». As urnas demostraron que, postos a elixir, os votantes da dereita-dereita preferiron o orixinal á copia.

Alfonso Guerra veu presentar á Coruña o seu libro La España en la que yo creo e, aínda que en ningún momento se referiu á esquerda constitucionalista como la izquierdita cobarde, quizais non lle faltasen ganas de facelo. Despois de recordar que, en 1978, os máis dos españois -case o 90 % do electorado- aprobamos a Constitución, como consagración da liberdade, describiu a situación actual con realismo: «Si defiendes a tu país, te calificarán de cómplice de la derecha; si expresas respeto a los símbolos de la nación española, serás motejado de facha; y lo que es aun peor, los defensores de la Constitución, de España y de su integridad van reculando en sus posiciones hasta conformar un ejército de descontentos acobardados ante la violencia agresiva de unos grupos minoritarios de nacionalistas y antisistema que van avanzando en el dominio de la cultura política del país». Dicir, non o dixo; pero case.

Eu si quero dicir sen case do xornalismo covarde, e non uso o diminutivo porque ese xornalismo sectario, sen ética, que difama e aldraxa impunemente, ten, por desgraza, grande eco social. Os ataques a José Félix Tezanos, presidente do CIS por anunciar cun mes de antelación o éxito electoral do PSOE e o desastre PP, é un bo exemplo. O barómetro do CIS de Tezanos era un timo e o MasterChef Tezanos a vergonza do CIS. O CIS de Tezanos cravou os resultados como nunca ocorrera, pero ningún dos moitos que o aldraxaron pediron desculpas.

Ese non é o xornalismo que García Márquez tiña polo oficio máis fermoso do mundo. E eu tamén.