Realmente queres ser profesor?

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

03 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dúas razóns polas que moitos titulados están a cambiar as súas expectativas laborais e tentan converterse en profesores do ensino secundario. A primeira, o gran incremento de prazas para acceso á función pública docente, e a segunda a publicación oficial das titulacións que permiten a incorporación ás listas de aspirantes a desempeñar este traballo, en réxime de interinidades e substitucións. Non afectan estas consideracións ás especialidades de educación infantil e primaria, xa que a elas só poden presentarse mestres, cuxa saída profesional nata é, obviamente, a docencia.

Para acceder ao ensino secundario é imprescindible, ademais, ter realizado un máster específico, dun curso de duración, que pon en contacto aos aspirantes co mundo teórico e práctico da educación. Pero para ser un bo docente fai falta algo moi importante, que non pode suplir este posgrao: a vocación. É certo que esta pode adquirirse tamén coa práctica pedagóxica, pero se isto non ocorre nace un profesor frustrado, que pode facer moito dano no ensino. Non atoparse a gusto nesta profesión causa unha tensión inconsciente que se transmite directamente aos alumnos, aínda que non transcenda as paredes da aula. O desengano xorde cando se ten deixado levar polos tópicos desta profesión: moitas vacacións, soldos aceptables, poucas horas de traballo, xornada de mañá, boa vida... A realidade é moi diferente. Para ser un profesional responsable non é suficiente con dominar a materia e saber explicala. Hai que traballar moitas máis horas que as específicas de clase para preparar as actividades docentes, corrixir probas, formarse, actualizarse e incluso non perder o tren da innovación pedagóxica.

A propia lei esixe ao profesor, ademais das súas clásicas funcións, a orientación e apoio aos alumnos, en colaboración coa familia, así como a atención ao seu desenvolvemento afectivo, social e moral. Ten que ir, xa que logo, máis alá da transmisión de coñecementos, para preocuparse pola súa educación emocional, motivándoos e fomentándolles a autoestima. Debe intentar conseguir o apoio da familia, que na etapa de secundaria é moito menor que nos primeiros anos de escolaridade, a pesar da gran atención que require o período da adolescencia. Obviamente o docente, para levar a cabo estas funcións, precisa ter empatía, paciencia e equilibrio afectivo; incluso algún experto considera fundamental o sentido do humor, que sirva como válvula de escape ás tensións que teñen lugar na aula. E por suposto, necesítase moito cariño. O mestre, o profesor que non quere aos seus alumnos, que non se preocupa realmente deles, non merece ese cualificativo. Podemos concluír preguntándolles a cada un dos opositores que optarán nunhas semanas ás prazas para docentes: sabes que vai supoñer para ti ser profesor? E en caso afirmativo, realmente queres selo?

?Neceítase moito cariño. O mestre, o profesor, que non quere aos seus alumnos, que non se preocupa realmente deles, non merece ese cualificativo