Realidades paralelas

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

03 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Alí andaban, coma sempre, nos xardíns do Padre Feijoó. Ás veces non paran de falar, ás veces están caladas durante horas e algunha vez tamén as vin rifar. Non sei cando foi a primeira vez que me decatei delas, pero hai máis dunha ducia de anos que son consciente de que están sempre aí. Son nai e filla, van sempre xuntas e non sei moito máis da súa historia. Só sei que están sempre na rúa, que van de igrexa en igrexa e que fan a mesma ruta de camiñantas que levamos facendo a miña nai e máis eu toda a vida: o circuito do Ourense vello: Burgas, catedral e parque de San Lázaro, coa ida por Santo Domingo e a volta polo Paseo.

Camiñan paseniño, coma nós, e a meirande parte das veces vai a nai agarrada do brazo da filla, coma nós. Hai algúns anos que a miña nai dixo «mira, aí vamos nós», e desde ese momento comezamos a referirnos a elas como «a Maruxa e a Cristina». Non nos coñecemos oficialmente, nunca nos saudamos e non sei se elas se decatan do mundo que as rodea do mesmo xeito que o percibimos nós.

Á miña Maruxa gústanlle as procesións, e na de Semana Santa vimos á filla soa. Ía ben amañada, coa súa saia de cor púrpura e a súa camisa negra, cun rosario e unha cruz xigante, probablemente dalgunha confraría. Ía no seu mundo, coma sempre, pero esta vez coa cara desencaixada. Logo, na nosa volta pola catedral, volvina ver, e por primeira vez na miña vida achegueime a ela: «Como está a túa nai?», e ela, como se nos coñecésemos de sempre, contoume o que lle pasaba e deume as grazas por preguntar.