...desnudo nací, desnudo me hallo

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

03 may 2019 . Actualizado a las 10:03 h.

Agora, cando xa temos en España novos lexisladores e gobernantes, cómpre volver aos clásicos; nesta ocasión, ao máis clásico dos clásicos: ao Quixote, un libro de 1615 (pois da segunda parte se trata). Sería unha boa enquisa a que nos ilustrase sobre os políticos españois importantes que non leron o gran libro de Cervantes. Teño a sospeita non maliciosa de que o Quixote é menos lido pola dereita española, o que non deixa de ser unha contradictio cos seus postulados do tradicionalismo patrio. En xeral, as esquerdas, desde Karl Marx e Manuel Azaña a Santiago Álvarez (que durmía co Quixote na prisión de Burgos), cervantean moito máis.

Do que se trata nestas datas é de interpelar aos novos políticos para que, cando finalicen o seu periplo legal, poidan despedirse das súas responsabilidades coas palabras que Sancho Panza emitiu cando deixou de gobernar aquela notable parcela de poder que Cervantes chamou Ínsula Barataria. Sabido é que o acceso a este poder foi unha broma cruel de señoritos hispanos afeitos a divertírense por conta allea (os duques), nesta ocasión sobre o lombo dun humilde labrador manchego, analfabeto e simple moitas veces. Sancho Panza, farto das falcatruadas que lle fan e farto, tamén, de non poder gobernar coa equidade ditada pola súa conciencia, dimite (dimitir é un verbo que, cando eu explicaba a Cervantes no Instituto de Lugo, parecía un arcaísmo). Léanse no capítulo 53 da segunda parte estas palabras de ouro: «Vuestras mercedes se queden con Dios y digan al duque mi señor que desnudo nací, desnudo me hallo: ni pierdo ni gano; quiero decir que sin blanca entré en este gobierno y sin ella salgo, bien al revés de como suelen salir los gobernadores de otras ínsulas». Teño noticias de que os cervantistas sen fronteiras acordaron hai dous anos propoñeren (a quen correspondese) que tales palabras deberían figurar no frontispicio do edificio da Moncloa (Madrid) e nos dos gobernos das comunidades autónomas. As autoridades deron a calada por resposta, figura xurídica que se chama silencio administrativo. Tamén teño noticias de que os cervantistas están un pouco esperanzados nesta lexislatura e propóñense enviar (a quen corresponda) o áureo texto nos catro idiomas oficiais de España. Sería, ademais, un exercicio patriótico de plurilingüismo hispano.

Existe, xa, un modestísimo precedente. No Instituto Masculino de Lugo, en decembro de 1971, no marco dunha mostra sobre lingüística e didáctica, un cartel acollía as palabras de Sancho no seu castelán manchego, en galego (na tradución de Ánxel Fole), en catalán (Ricard Salvat) e en éuscaro (Juan San Martín). Lembro ben que ao gobernador, colega de Sancho Panza, non lle gustaron as palabras nin o exercicio gramatical. Anos despois, no 2003, no instituto de Foz, a profesora Carmen Beltrán, coorganizadora da mostra luguesa, montou unha exposición de carteis coa tradución das comprometedoras palabras de Sancho a vinte linguas. Sei que a profesora foi felicitada por unha institución finlandesa denominada, en latín, Lingua et Probitas.