As coxas de Mónica

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

03 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Mónica López debe levar unha década dándonos o tempo na primeira das cadeas estatais. E miren vostedes, sempre me gustou, porque me parecía unha muller moi natural, nada impostada, con pouco de actriz e moito de naturalidade.

Pois Mónica está estes días molesta. E o motivo non é ter que anunciarnos uns días de descanso (para os que poidan) cun tempo desapracible. Imaxínoa contándonolo cun sorriso, coma sempre, tentando buscarlle o lado positivo a todo. O desgusto vénlle porque recibiu unha carta. Comento moitas veces que eu antes corría á caixa de correos cando intuía un sobre dentro, pero agora aproxímome con cautela, porque quen se cartea comigo non adoita enviarme felicitacións, máis ben facturas e cargos á conta bancaria.

A carta de Mónica envioulla unha telespectadora que se queixaba dos movementos das súas mans, da súa maneira de cruzar as pernas, das súas coxas grosas, do seu pronunciado traseiro e de que cambiase de roupa cada día. Comezo por isto último, pois faino do mesmo xeito que os compañeiros do telexornal ou mesmo os seus colegas de sección. Pero claro, eles son homes, así que poden ter unha colección de traxes. Ela non. E ademais dille canto ten que medir de alto e ao ancho, de busto e de cadeira.

Por favor! Preocúpese do que lle conta do cambio climático e non de se leva unha bota verde ou unha camisa curta. O colmo é que quen llo escribe é unha muller. Estamos como para atacarnos entre nós!

Non somos libres. Non nos liberamos da tiranía do canon físico.