Tócalles reflexionar aos políticos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

30 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Fun observadora da campaña electoral. Intentei mirar os detalles. Do que se dixo e do que se calou. Dos líderes políticos, pero tamén dos analistas e «opinadores» do país. Das palabras e dos xestos, das miradas. Dos respectuosos e dos irónicos.

Considero que nestas eleccións xerais todo cambiou, pero o de varrer para a casiña... segue exactamente igual. Os que non se fiaban das estatísticas agora esquecéronas. E os que erraron nos seus cálculos insisten en dicir que todo é a medias. Que ninguén gañou de todo, ninguén perdeu de todo. Ben, o de perder... custa dicilo sempre, pero desta vez parecen máis os vencidos ca os vencedores.

Eu, desde a miña ignorancia política, fago unha lectura moi sinxela. Comparo os gráficos por cores das últimas eleccións e das actuais, e vexo que todo está descolocado. É un crebacabezas con máis pezas, nas que as máis grandes mudaron de cor e posición. Cando mínimo, por parellas.

E isto é significativo. Se continuamente as tornas cambian, será que pedimos renovación. Do que verdadeiramente me alegro é de que a xente, vote o que vote, vote. Un dereito que foi difícil de conseguir. Un dereito que se converte tamén nun deber. Porque temos que ser responsables coa nosa sociedade.

Agora tamén espero que os que habitan o hemiciclo sexan responsables.

O pobo falou este domingo 28 de abril, e eles, os representantes políticos elixidos, deben escoitar. Levamos moitos meses escoitándoos nós a eles. Nas últimas semanas, con moita maior intensidade. Os votantes reflexionamos. Agora deben facelo eles. Porque isto non é só repartir, senón tamén recibir.