En remontada e preparados para a cita das municipais

Ana Pontón PORTAVOZ NACIONAL DO BNG

OPINIÓN

29 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os resultados electorais deixan unha lectura evidente: O BNG está en remontada e duplicou o número de apoios, e confirma que moitos galegos e galegas volven mirar para o Bloque como a mellor opción para defender os intereses deste país. A polarización en clave estatal arredor de dous bloques -dereita e esquerda- non permitiu lograr escano no Congreso, pero o grande incremento de voto ao BNG deixa un escenario optimista de remontada de cara ás eleccións municipais e europeas do 26 de maio.

O electorado valorou o proxecto sólido, solvente e unido que representamos, un proxecto que ten as portas abertas a todas as persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón. E finalmente, o 28A deixa unha desfeita do PP que abre un escenario incerto tamén no PP de Galiza.

Esa caída do PP xunto ao incremento do voto ao Bloque déixanos nunha moi boa posición de cara á cita electoral do 26M. Un reto no que imos empezar a traballar desde mañá mesmo co optimismo, co ánimo e coa forza que dá saber que o BNG é unha forza política á alza. Este apoio renovado dos e das galegas é vento nas velas que será decisivo para as vindeiras citas coas urnas e para impulsar o tempo novo que queremos abrir en Galiza, un tempo novo que empezará polos concellos e que terá a seguinte parada nas eleccións galegas en 2020. Non lle imos fallar a todas as persoas que nos deron o seu voto, e imos traballar para construír unha Galiza de futuro co reto colocado nos concellos.