Me gustas cuando callas porque estás como ausente

OPINIÓN

28 abr 2019 . Actualizado a las 16:09 h.

Vaia por diante que non vin o debate. Quero dicir que escribo este artigo sen documentación. Falo como non hai que falar. Falo dende o estómago, dende o fígado. Falo a golpe de titular. Falo dende a miña experiencia como muller. De muller que tivo a sorte de dicir si. De dicir non. De calar. De consentir e negar cando me petou.

Hai moita poesía nese silencio de Neruda que encabeza este artigo. E na vida, coma na poesía, os silencios falan alto e claro. Máis aló dun si ou dun non, os animais sociais que somos sabemos interpretar os sinais. A estas alturas todos temos un máster en relación humanas. Un máster de verdade, dos que non agasallan en universidades, dos que se ganan a base de horas de traballo de interrelación. Sabemos cara a onde se dirixe unha relación entre adultos.

Semella que agora xa estamos fartos de explicar que non é non. E superado ese debate agora toca explicar que é necesario que haxa un si. E ese si non é necesario que saía dos beizos. Hai un si de intención. Un si de ven comigo. Vamos. Á túa ou á miña. Dáme igual. Ti queres e eu quero. Non hai máis. E hai un «non» cando apoias una man no peito. Ata aquí. Non máis.

Non necesitamos dicir que si en voz alta. Por suposto que non. Pero necesitamos consentir. Estou aquí, agora, contigo. Quero. Ti queres. É tan básico que resulta de idiotas ter que explicalo. Por suposto que é necesario ese «si» recíproco. Esa declaración de intencións. E por suposto que unha relación sexual non ter que vir precedida dunha acta notarial, ou dunha app de consentimento que leve incorporada sinatura dixital. Pero o que si é necesario, que non lle esqueza a ninguén, é que, se se chega a un punto en que queres parar, dar volta e marchar, tes que poder. E eu teño amigas que non puideron. Que chegados un punto dixeron que «non». E ese «non» foi o «non» delas e o «si» deles. E despois veu o que veu. O silencio. A vergoña. Esa é a vitoria do delincuente sexual. A inmersión da carga da culpa. Por iso é tan perigosa a mensaxe de que o «si» non é necesario.

Así que non sei se a frase do debate foi sacada ou non de contexto. Non vou perder un minuto do meu tempo en comprobalo. Porque neste tema non quero que me formen a miña opinión. Neste tema, coma en case todos xa a estas alturas da miña vida, a miña opinión téñoa formada e informada. Só con quen eu quero. Só cando eu quero. So cando digo si, aínda que sexa calando. E mostrándome presente. A ausencia deixémola para a poesía. Así que afirmemos, consintamos. E dende logo, chegado o momento e se nos peta, todos deberiamos berrar si. Pero que sexa de pracer. Si. Si. Si.