Da eutanasia onte e hoxe

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

26 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non vai ser fácil esquecer as escenas nas que Ángel Hernández colabora coas mans, pero tamén coas palabras, no suicidio da súa muller, María José Carrasco, un episodio que vai marcar o futuro da lexislación española. Non sei se os futuros lexisladores coñecen unhas páxinas escritas hai moitos anos por un médico galego chamado Roberto Nóvoa Santos (1885-1933). Trátase do volume El instinto de la muerte, publicado en Madrid no ano 1927 e reeditado, en 1941, por Luís Seoane, en Emecé Editores de Bos Aires. Neste volume Nóvoa Santos non só diserta sobre o instinto da morte senón sobre temas, na súa pluma de ilustre médico e ensaísta, conexos: o desexo de morrer nos amantes, o desexo de morrer nos místicos, a saudade… Dous son os capítulos que abordan, dun xeito ou doutro, a dura realidade que suscitou este Beatus.

No primeiro deses capítulos, El dolor de morir y el derecho a disponer de la vida, afírmase que «quien tiene derecho a vivir, tiene también derecho a disponer de su vida como le plazca» e mesmo cita casos insospeitables. «El mismo sublime maestro Jesús de Nazaret dio el ejemplo, disponiendo de su vida humana para la redención de los hombres».

No segundo capítulo, de título máis periodístico, Dolor y eutanasia, estamos ante un breve ensaio, escrito por un profesional da Bioloxía, que aínda hoxe debería ser lido e debatido nos centros escolares, tamén nas clases de Gramática pola novidade de certos termos (algofilia, eubiasia…) tan abundantes na prosa do grande escritor Roberto Nóvoa Santos. Sabía o eminente catedrático de Medicina que escribía para unha sociedade que estaba baixo a lousa da relixión (católica), razón pola cal procura formular con moito xeito os seus argumentos favorables á eutanasia («muerte dulce, sin dolor ni pena», que así traduce o vocábulo grego). Por iso finaliza o seu moi pensado ensaio nestes termos: «La postrera oración será más eficaz cuanto mayor sea el sosiego, es decir, cuando el dolor deje libre el camino al recogimiento. Además, ayudar a bien morir fue siempre una obra misericordiosa».

Estes dous ensaios foron publicados hai case cen anos, cando o profesor Roberto Nóvoa Santos era, en realidade, tan avanzado que predicaba in partibus infidelium. Hoxe son moito máis infieis certos políticos que moita xente do común.