Un mundo minado

OPINIÓN

24 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante moito tempo as guerras e o terrorismo islamita estaban lonxe. Nada parecía afectarnos. Era unha especie de ficción para consumirmos sentados no sofá. A violencia sempre xurdía como produto inmediato dun comercio alleo. Puro entretemento. Mais hai xa anos que temos a sensación de que o mundo é un campo de minas. Para o terror non existen as periferias e menos para os galegos que, por obriga, máis que por desexo, estamos espallados por todas as partes do planeta. Sempre que se produce unha traxedia adoitamos agardar pola identidade das vítimas, conscientes de que podemos ter a alguén de nós entre elas. Desta volta, o dedo do terror tocou en Sri Lanka, onde morreron máis de trescentas persoas, entre elas unha rapaza de Pontecesures, María, e o seu mozo de Rianxo, Alberto. Unha desgraza máis para situar no almanaque do pánico. Un podería, sen éxito, imaxinar toda a extensión da dor duns pais que perden os fillos, mesmo aceptar a súa ira e o pulo irresistible de vinganza, de sentir o sinistro pracer de borrar do universo os terroristas. Pero matar o asasino non devolve a vítima. Ademais, se o asasino non teme a morte é moi difícil loitar contra el. A forza da civilización, e tamén a súa debilidade, é atacar con métodos racionais as causas que orixinan ese odio e intentar comprender por que o fan, que clase de desesperación os pode levar a cometer un acto semellante. Temos que ter claro que os alicerces da paz nunca están na violencia nin na inxerencia bélica e interesada en conflitos alleos, senón na convivencia dos pobos e o respecto pola diversidade cultural e relixiosa. É un camiño minado, si, pero o único que podemos tomar para que na lista de vítimas non figure ningún inocente máis como María e Alberto.