Do biblioburro á bibliofurgoneta


Non é a primeira vez que evoco un dos momentos máis duros dun grande editor galego. A quen evoco é a Ánxel Casal (1895-1936), pero non me refiro ao 19 de agosto do Ano Tráxico, data na que foi paseado nas aforas de Santiago aquel ilustre e abnegado editor de libros galegos. Refírome a un momento moi difícil na súa biografía de editor, grande coma poucos no seu compromiso coa causa do libro galego. En certa ocasión, pretiño da ruína (en moi boa parte pola pouca demanda de libros en idioma galego), confesoulle a un amigo moi preocupado: «O día que estea arruinado fareime cun burro e irei, polos camiños do país adiante, vendendo literatura galega». Certamente, os falanxistas composteláns de 1936 sabían ben a quen mataran.

Estamos en tempos en que pechan moitas librerías (acaba de facelo Andel, en Vigo), pero noutras datas -os balbinos de 1940, por exemplo- agradecerían nas súas aldeas a presenza dun biblioburro montado por un cabaleiro algo ilustrado e pedagogo. Non tivemos esa sorte. Hoxe, en tempos en que minguan os letraferidos, percorre as estradas e corredoiras do país galego unha furgoneta que causa o asombro de moitos viandantes, pois nunca viron un vehículo cheo de libros, decorado, en portas e fiestras, con rechamantes motivos bibliográficos. Cando o vehículo chega a unha feira (Monterroso, Chantada…) ou a un mercado dominical (Ourense, Ponteareas…), baixa del unha muller de 52 anos, bondadosa e sorrinte, que, ademais de guiar a furgoneta, carrexa os libros, arma a tenda e explica, con sinxeleza e fervor, as novidades literarias do día. Chámase Nieves Loperena, fotógrafa desde moi nova, e, como tal, colaborou na editorial Nigra, que dirixía, en Vigo, o escritor Gonzalo Allegue, lector máximo (lector da caste dos que, ao leren os bos libros, bébenos). Daquela andaina lle vén a Nieves Loperena o amor aos libros, o que os gregos chaman bibliofilia. Pero o seu compromiso co libro posúe unha clara dimensión social: cómpre que os libros ou certos libros cheguen aos cativos, a seus pais, aos vellos que só len Marca, ás amas de casa pouco ocupadas… Tamén ofrece libros para xente erudita, para lectores expertos en historia ou en botánica, ou en arqueoloxía, ou en xeografía local, ou en lingüística galega…

En Gaxate, no concello da Lama (Pontevedra), está, nun grande edificio que foi escola, o almacén de libros do que se nutre, semanalmente, a bibliofurgoneta de Nieves Loperena. Conta, grosso modo, con 50.000 títulos, clasificados e colocados con agarimo. Gaxate é, en certo modo, a capital do libro (vivo) en Galicia.

Conviña facer estas observacións nesta data, catro días antes da Festa do Libro, que tanto gustaba ao chorado Ánxel Casal. Alguén, algún día, contará a historia desta pedagóxica e esforzada furgoneta galega. Nalgúns aspectos ten valores e matices que non están presentes nun libro de Christopher Morley, clásico sobre o tema: Parnassus on Wheels (1917), traducido ao galego, por Estela Villar, co título O Parnaso sobre rodas (2014).

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Do biblioburro á bibliofurgoneta