Algo non é campaña?

Álvaro Xosé López Mira AL DÍA

OPINIÓN

15 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta sería a primeira incógnita a despexar nestas liñas. Como é ben sabido, vivimos en campaña electoral permanente a través da relación simbiótica, parasitaria, en palabras do profesor Santiago Sánchez, que mutuamente alimentan medios e partidos políticos. Que o ritual e a legalidade denominen a campaña electoral como actos concretos destinados a captar o voto durante quince días non altera esta evidencia. 

Non resulta posible distinguir entre as eufemisticamente denominadas precampañas e as campañas propiamente ditas. Toda a armazón político-comunicativa é un continuum e os límites normativos resultan inútiles como diques de contención desa mensaxe constante, que mesmo resulta esgotadora para a cidadanía que non é militante partidista convencida. Ata o diapasón de belicosidade non experimenta un crescendo notorio nas dúas semanas de solicitude formal de voto: a altisonancia das hostilidades político-partidarias tamén se converteu en permanente.

Nun contexto de cultura política democrática cheo de lagoas en amplos sectores sociais, en boa medida por irresponsabilidade dunha parte considerable das elites españolas de toda índole durante décadas, os elementos sinalados acentúanse, a maiores, coa atracción experimentada polas mensaxes canalizadas polas redes sociais: son inmediatas e existe urxencia por consumilas e, coa mesma inmediatez, transmitilas. Son produto das liberdades individuais, non sometidas a control de veracidade, polo que a falsidade, a prosopopea, a hipérbole e o ton agresivo alimentan a polarización e engrosan a súa eficacia. Xa hai moito tempo que os muros legais que pretenden impoñer os Estados en materia de campañas dentro dos seus límites fronteirizos deixaron de ser depósito das súas soberanías. Vivimos en democracias erosionadas pola denominada propaganda computacional, nuns tempos nos que os partidos utilizan as redes como instrumentos preferidos para comunicarse cos seus potenciais electores. Estamos os cidadáns avisados e preparados para defendernos? Na miña opinión, nada exclusiva, por certo, non.

Quere isto dicir que as campañas non van ser importantes sobre as decisións de voto nos seus distintos sesgos (reforzo, activación, transvase ou desactivación)? En absoluto. Pode que incluso sexan máis relevantes no intenso ciclo electoral que se aveciña. O que acontece é que o termo supera os seus elementos máis clásicos (mitins, promesas…) e agranda o seu espectro con algún dos sinalados no anterior parágrafo, sempre en ineludible alianza, explícita ou non, cuns media constrinxidos polo seu medo cerval a desaparecer.

Situámonos, xa que logo, fóra do discurso da política e enlamándonos no da pseudopolítica, saltando do ámbito do racional ao non racional ou sentimental, o que cega calquera opción de diálogo, ineludible nun contexto de fragmentación representativa que veu para quedarse, e cuns hiperliderados mediáticos apelando aos prexuízos fomentadores de filias e fobias nos receptores dos seus reducionistas e empobrecidos discursos.

Como hai tempo sinalou Sartori, a política inmoderada e ideolóxica leva á parálise pura e simple ou a unha secuencia desordenada de reformas mal calculadas que acaban en fracaso ou que, sen implicar forzosamente que as sociedades polarizadas camiñen cara á súa autodestrución, si que as incapacita para enfrontarse a crises esóxenas ou explosivas. Advertidos quedamos.