Polo dereito dos nenos e nenas a conciliar

Manuela del Palacio García PRESIDENTA DA SECCIÓN DE PSICOLOXÍA EDUCATIVA DO COLEXIO OFICIAL DE PSICOLOXÍA DE GALICIA

OPINIÓN

OBRA SOCIAL LA CAIXA

11 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das cuestións ás que máis voltas lles damos entre as persoas adultas é a conciliación. Pensamos en como organizar a nosa axenda laboral, como encaixar todas e cada unha das nosas obrigas coas súas axendas infantís tamén complicadas, e así poder compartir máis tempo cos nosos fillos e fillas, ese tempo «de calidade» que tanto reclamamos, no que educamos, aprendemos e no que expresamos os nosos afectos.

Pero desde o noso «adultocentrismo» esquecemos que os máis pequenos tamén precisan conciliar. Milleiros de nenos e nenas están devecendo por que cheguen as vacacións de Semana Santa, uns días nos que terán, por fin, tempo libre e a oportunidade de crear experiencias compartidas coa súa familia e coas súas amizades. Pero nas equipaxes -reais ou simbólicas- para estas vacacións en moitos casos tamén toca meter a mochila cos deberes, que pesa sobre toda a familia e que condiciona a todos os membros o seu tempo de lecer.

Cada día, os nosos fillos e fillas pasan máis de seis horas nas aulas, é dicir, case unha xornada laboral. A isto sumámoslle o tempo que despois lle teñen que dedicar a todo o que estudan en cada unha das materias (deberes, exames, etcétera), xunto coas posibles actividades extraescolares, que algunhas serán de carácter lúdico, artístico ou deportivo, pero moitos cativos están en academias polas tardes con actividades de reforzo e de estudo. Unha xornada «laboral» ben completa, non? É dicir, que se nós, como adultos, sentimos a necesidade do descanso e temos ese horizonte das vacacións como un tempo imprescindible para cargar as baterías, por que nos custa tanto comprender que os máis pequenos tamén precisen descansar?

O tempo libre non pode ser un luxo na infancia e na adolescencia, e no noso traballo desde a psicoloxía educativa comprobamos como, cada vez máis, este tempo propio se está a converter nun luxo fóra do seu alcance. Precisan de oportunidades para ler un libro ou ese cómic que está agardando desde hai meses porque primeiro tocaban as lecturas obrigatorias; ocasións para xogar, para investigar e ata para aburrirse. Para facer o que apeteza. Para compartir experiencias coa familia, aprender de xeito informal, facer cousas diferentes.

Se estamos pensando en leis de desconexión dixital para que o tempo do traballo non invada o persoal e non se exceda máis alá da xornada laboral, teremos que pensar que a nosa rapazada tamén debería ter ese dereito. Porque como cativos tamén teñen o dereito a conciliar coa súa familia, a planificar as súas vacacións e gozar do seu tempo libre, e administrarse no seu lecer.