Pencha: unha desas mulleres

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

02 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos vivindo unha auténtica revolución feminista. Ninguén o dubida xa dende o 8 de marzo de hai un ano. Quen pense que as revolucións son cousa do pasado ou dun futuro que non dá chegado seguramente non repare no que está acontecendo, nin sequera aprecie as brutais reaccións en contra que, como todas as revolucións contemporáneas, está a provocar esta masiva e extensa protesta das mulleres rebelándose contra unha situación de sometemento, dependencia e confinamento que vén de lonxe. Pero tamén veñen de lonxe as mulleres que non aceptaron os roles nos que as encerraban. Onte enterrouse Pencha Santasmarinas Raposo, unha desas mulleres que traballou polas súas liberdades e as das demais.

Non era escritora, actriz ou cantante, pero dirixiu unha daquelas primeiras asociacións culturais que puxeron as trabes da recuperación da lingua e a cultura galegas. En Viveiro lembrarana sempre construíndo Sementeira. Foi política nos tempos máis complicados da Transición pero non foi deputada nin concelleira. Non está no relato das mobilizacións daqueles anos setenta, nas que falaban os homes e facían as mulleres, pero sen ela nunca se tería parado a construción da central nuclear de Xove. Coas grandes transformacións do agro galego identificamos aos enxeñeiros e aos gandeiros, pero ela, en Extensión Agraria, traballaba coas mulleres labregas, sempre coas mulleres. Sóubolle a pouco e, cando completou aquela andaina, pasou ao mar, pois como boa compostelá nada do país lle foi nunca alleo. As mulleres das rías nunca a esquecerán: inventou unha Extensión Mariñeira para elas, para as mariscadoras, as redeiras, as peixeiras.

Hai pouco logrei que me contara enteira unha vella historia de cando en tempos predemocráticos se presentou -case como nunha porfía- no despacho do gobernador civil de Lugo. Ela pediu cita e el recibiuna decontado. Quixo protestarlle en persoa porque a Garda Civil fora facer un rexistro á súa casa e ao seu posto de traballo. Buscaban propaganda ilegal ou datos da súa relación con grupos da oposición democrática aínda clandestina para incriminala e desbaratar o seu traballo contra os plans para instalar unha nuclear. Querían acabar coa súa credibilidade para acabar coa oposición veciñal, pero até o gobernador franquista deu creto á súa enérxica protesta como funcionaria que fora sometida a unha inxusta persecución. Así era Pencha. Ela soa púidolle ao gobernador, que naquela conversa quedou convencido de que aquela exemplar e asisada funcionaria tiña que estar manipulada por forzas escuras, pero non dubidou das súas protestas. Boa sorpresa debeu levar cando a viu encabezando unha candidatura nacionalista uns meses despois.

Teño para min que o seu maior orgullo era ser funcionaria e que todo o que fixo tiña iso como divisa. Funcionaria do Ministerio de Agricultura primeiro, e de varias consellerías despois. Tiña outras dúas fachendas: a súa amplísima familia e ser do barrio do Castiñeiriño. Quería vivir cen anos e non puido, pero traballou para que moitas puideran chegar a vivilos e os viviran mellor. A elegancia foi con ela.