Non perdamos o tempo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

29 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Di a miña nena que lle tocou unha mamá moi apurada, sempre correndo a todos os sitios sen que nunca lle sobre tempo. Será iso, que non estou eu para perder o tempo. E vostedes?

Levamos semanas perdidas. Todo o país. Por moitos motivos. Algúns, por se fose pouco, provocados por un grupo pequeno de xente.

Por un lado temos as mentiras. Que dixo Quim Torra que non quitaba os lazos amarelos ata que se pronunciase o Defensor do seu pobo. Vale. Pero o conto foi que xa había días que dera o seu parecer e opinión. Pero como non lle gustaba, calou, ocultándoo. E a min que me mintan... Puf! Lévoo mal. Pero por riba que me fagan perder o tempo...

Logo están os que queren solucionar todo a tiros. Ou iso din. Que non o creo. Pero, mentres, falamos deles e facémoslles nós a campaña electoral. Por riba!

O que pasa é que chegamos a tal nivel de permisividade dialéctica e deturpación da realidade nas declaracións políticas que xa todo vale. O descaro vaise elevando a cada paso e xa non sabemos parar. Xa cada un pode dicir o que queira e inventar o que lle conveña, que o caso é facer ruído.

Pois non deberiamos subirnos todos ao carro. A campaña electoral non debe limitarse a facer fichaxes polémicas que boten lume pola boca para acadar máis cota de pantalla e nos medios. A cota que debera preocuparnos é a do leite, por exemplo. Para saber se imos ter materia prima sobre a que cimentar o país e tamén se os alimentos básicos van chegar a todos.

Antes de botar fogos de artificio polo tellado, necesitamos cimentos.