Unha carta para responder

La Voz

OPINIÓN

27 mar 2019 . Actualizado a las 11:32 h.

Andrés M. López Obrador (AMLO) enviou unha carta a dous destinatarios: el-rei de España e o papa de Roma. Trátase dun asunto simbólico, pero que encaixa no seu estilo político, convencido de que está a protagonizar a «cuarta transformación» de México, despois de dúas revolucións (1810 e 1910) e unha reforma feita polo seu admirado Benito Juárez. A carta vai dos efectos da conquista de Hernán Cortés e do seu triunfo sobre Moctezuma. Recoñece que «hai feridas abertas», que se deben «recoñecer os erros» e suxire que se debería facer unha reflexión entre España e México sobre aqueles feitos, erros e feridas. Non me consta que o papa estea convocado a esta mesa de debate.

É probable, como adiantan algunhas decisións tomadas en España, que a carta sexa repudiada en nome dun vello nacionalismo ofendido que reacciona contra unha insinuación de matricidio. Ou que se considere inapropiado fundar relacións diplomáticas presentes mediante un revisionismo histórico. Creo que esta iniciativa de AMLO modifica de forma substantiva reaccións análogas, pero menos matizadas, que se produciron con motivo do quinto centenario, especialmente por boca de Fidel Castro. O que está en causa non é repudiar o pasado, senón reescribilo de modo compartido, con ese sentido da historia que caracteriza ao presidente mexicano.

O que acontece é que interpretar aqueles feitos non é tarefa que se poida facer por decreto nin por acordo político. Tampouco por decisión tomada en congresos de historiadores, que non poden atribuír responsabilidades sobre actos producidos hai cinco séculos. O máis asisado é tomar nota do pedido de AMLO e proceder en consecuencia: sustentar cunha previa reflexión intelectual as bases dunha relación diplomática que tivo momentos tan felices como as do exilio republicano acollido polo presidente Lázaro Cárdenas, e que poden ser recuperadas no futuro. A lendaria diplomacia mexicana e a súa sólida historiografía son os mellores argumentos para entrar neste debate e, de paso, seguir analizando enigmas que xa cativaron aos coetáneos da conquista. Porque se hai un acontecemento histórico difícil de interpretar son as decisións individuais que tomaron Moctezuma e Cortés.

Esta carta non terá moito recorrido porque os seus destinatarios parecen pensar que se trata dunha petición extemporánea. Pero hai que recordar que procede dun neto de gachupín que reside actualmente na praza do Zócalo, á beira do palacio de Moctezuma e preto da morada do último tlatoani que foi Cuathemoc. Cando menos mostra que posúe un grande sentido da historia, da que non deberían carecer nin o monarca de España nin o papa de Roma.