Ninguén quere tirar o voto


A esquerda da Transición aínda non entendeu aos seus votantes e segue repetindo unha e outra vez vellos erros, pero agora protagonizados tamén por xente nova. Vivimos tempos curiosos nos que as dependencias dos partidos e correntes políticas das inercias do seu pasado recente son tan fortes coma as pulsións de mudanza nun mundo que cambia rapidamente e enfronta problemas novos. Hai por exemplo unha esquerda conxelada no antifranquismo que acaba por resultar perfectamente inútil; repartida por todos os partidos é metade idade metade herdanza. Outra está paralizada nun temoroso tacticismo e cre actuar estratexicamente calculando posicións para despois da desfeita: Podemos reproduce hoxe o que vén facendo IU dende 1982. Substituír a cooperación virtuosa e xenerosa que tan bos resultados deu á esquerda do PSOE por garantir a colocación nas listas ofrece unha espantosa imaxe de derrota prevista. Lembra a aquel conto árabe do que fuxía da morte en Damasco para atopala en Bagdad. O dominio das expectativas negativas fronte aos proxectos ambiciosos ispe aos líderes e acrecenta a previsión de derrota.

No nacionalismo reprodúcese o mesmo ao nivel do mar e mais da Marea. As mesmas discusións da Transición, ás veces lideradas polos mesmos, as mesmas fracturas da oferta electoral cuns matices que os electores non serán quen de ver mentres procuran da utilidade do seu voto. Ou si. Verémolo nun mes. Verbo do BNG, comentan asombrados algúns amigos que a súa mensaxe electoral recúa ao rexionalismo: querer que teñan a Galicia en conta en Madrid -como a Teruel- afunde as capacidades do autogoberno e non os diferenza do PP. Facer da rebaixa das peaxes un eixe das propostas políticas ofrece acrecentar o consumo de carburantes e emisións de CO2 como futuro da humanidade. Mentres, no amplo campo do galeguismo político outros están pensando, seguen pensando, levan toda a vida pensando cal será o seu sitio no Panteón de Galegos Ilustres. Despois están os que teñen razón: son impermeables. O mapa electoral complétase cos que van gañar as eleccións porque non queren perdelas. Non todas as raizames son negativas e algunhas convértense en sólida cultura política. O PSOE fíxoo na Transición, canalizando electoralmente a memoria da República e dos derrotados na guerra, e parece que agora vai volver traducir intelixentemente en voto útil a razoable ansia da xente de non tirar o seu voto. Claro que despois sempre fixo o que quixo con ese voto: reconversións, Lohapas...

Logo están nas dereitas os que contan gañar as eleccións aínda que perdan, e os que van perdelas de verdade.

Aquí o panorama é moito máis inestable aínda. Todo soa a antigo: unidade nacional e outros vellos valores máis ou menos disfrazados, competindo en tres opcións que en realidade non se parecen en nada. Aínda que os seus líderes se empeñen en retratarse xuntos, coido que o ambiente «colon-ial» madrileño non se corresponde coa maioría dos votantes nin dos cadros das dereitas. Non en Galicia. Pero as épocas de mudanzas rápidas son tamén de arribismos, sorpresas e corrementos ideolóxicos. Así que non dou un peso por esta opinión. Nun mes saímos de dúbidas. Ou non.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
21 votos
Comentarios

Ninguén quere tirar o voto