Galaicistas en Rennes

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

22 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai días, unha embaixada intelectual de Galicia viaxou á cidade francesa de Rennes, capital da Bretaña, para dialogar con colegas deste país, sempre tan lembrado no noso antes e despois de que Castelao escribira As cruces de pedra na Bretaña (1930). Foi a Universidade de Rennes II a que convocou e organizou un simposio co título Les paysages Bretagne Galice, no que participaron xeógrafos, historiadores e outros estudosos, todos eles, dun xeito ou doutro, interesados no feito físico e transfísico da paisaxe, termo tan vencellado a país, paisano e paisanaxe. A nosa delegación, presidida por Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega, estaba composta por dous nomes relevantes, Ramón Villares e Augusto Pérez Alberti, e por estudosos máis ou menos novos, moi conscientes da importancia do tema central da convocatoria (María López Sández, Santiago Díaz Lage, Rebeca Blanco-Rotea e Inés Santé). Presidiu a delegación francesa o profesor Olivier David, reitor da Universidade (en Francia chámanlle président), aínda que levou o peso da organización a hispanista Christine Rivalan Guégo, hai tempo vencellada aos estudos galegos. Ilustrou as sesións (8 e 9 de marzo) Jean-François Botrel, hispanista de sona internacional e non alleo á matière de la Galice.

A profesora Rivalan Guégo, especialista en literatura española do século XX, xa conta, como galaicista, desde hai anos. Foi ela quen dirixiu o groso volume Gran Enciclopedia Gallega (1944-1991). La forja de una identidad, publicado pola editorial Trea (Gijón) en 2016. Ela deseñou e coordinou o traballo dos profesores Botrel, Philipe Castellano, Roselyne Nogin-Martin e Moisés Ponce de León Iglesias. Traballo iniciado no ano 2008, o volume foi presentado en Santiago, no Consello da Cultura Galega, oito anos despois. Penso que a Galicia erudita aínda non lle fixo xustiza a esta orixinal publicación, e, en canto aos letraferidos do noso país, son moitos os que nin noticia teñen deste traballado volume. Eu, que fun un dos tres codirectores da GEG, teño a obriga -unha obriga moi especial- con este volume tan ben dirixido pola profesora Rivalan Guégo. Este estudo pioneiro (sobre unha enciclopedia española «rexional») foi prologado sagazmente polo profesor Ramón Villares. Del son estas palabras: «…y, por ello, es coherente que esta mirada exterior, procedente de Francia, haya conseguido entender mejor de lo que podía hacerlo una pesquisa endógena esta empresa cultural llamada Gran Enciclopedia Gallega».