A min as farmacias

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Kai Försterling

20 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Temo que quen nos criamos inmunes ás estupideces que nos agardan de aquí ao 28 de abril imos ter que mercar toneladas de medicamentos contra a acidez. Pablo Casado é, neste sentido, un filón da industria farmacéutica, que nunca ben lle agradecerá o gasto ao que nos obriga ás que xuntamos perigosamente a hipocondría coa ansiedade preelectoral. Á altura dun virus de gastroenterite está esa proposta dunha «lei de apoio á maternidade» que apostará, segundo el, pola «cultura da vida». Pois, como diría Millán Astray, nunha cita que sei que lles encanta, «¡viva la muerte!» Porque cando a dereitona nostálxica nos anima ás mulleres a ser nais é porque nos desanima doutras cousas, como traballar e gañar cartos, esas cousas máis de pais. Cómpre sinalar que cando Casado falou desa lei dixo que faría de España «o mellor país do mundo», o que me levou correndo de novo á farmacia, con ansiedade: o segredo da felicidade estaba aí! Parir a tutiplén porque nos van dar 1.200 euros por fillo, axudas por térmolos soas, casas gratis e un misterioso «que as barreiras que teñen as mulleres non se incrementen cando deciden ser nais»! Os de Vox deben estar tremendo porque se nos vai encher España de emigrantes.

Claro que, aplicando certa lóxica simple moi de moda nos despachos onde se cocen as ideas do PP, opino que, se a felicidade de todo español depende de criar fillos e deixar de traballar para facelo, Pablo Casado proporía unha lei de apoio á paternidade cuxa simple pronunciación debe de facer renxer os petos cheos de cartos dos señores da rúa Génova. Veña: alardeen de igualdade e, se mola tanto, propoñan iso aos futuros pais, a ver se os votan.