Óscar á mellor lingua


Non hai premios máis imperialistas ca os Óscar: só unha industria coma Hollywood pode lograr convencer a todo Occidente de que a mellor película dos Estados Unidos é mellor cá mellor película do mundo. Non sei moi ben como conseguiron que creamos que gañar o premio á mellor película de fala non inglesa é peor cá chamada mellor película, categoría de acceso restrinxido, como indica o nome da outra, a unha lingua, unha industria, un concepto. É tan retorto que dá a risa. Por iso, nesta edición de 2019, Roma, que sen dúbida era a mellor película do mundo, só gañou o premio á mellor película de fala non inglesa, non vaia ser que unha película feita no español de México e ateigada de diálogos en mixteco sexa considerada pola Academia mellor ca, poñamos, Sorrisos e lágrimas. Iso é o imperialismo, porque o mundo non é mundo para quen precisa conquistalo. A mellor película de Hollywood é mellor cá mellor película do mundo, porque os Estados Unidos son máis mundo ca ningún outro mundo. E logo estrañámonos de que gañe as eleccións un tipo que propuxo facer un muro na fronteira con México.

Hai algo entrañábel na simpleza aleccionadora dos imperialismos. Putin, cando lle roubou o anel da súa segunda Super Bowl a Robert Kraft, dono dos Patriots; o ex primeiro ministro francés Manuel Valls, que se presenta como candidato á alcaldía de Barcelona; aquel famoso «¿Por qué no te callas?» do rei Juan Carlos a Hugo Chávez; o inesquecíbel discurso de Federico Trillo no Parlamento explicando a reconquista do illote de Perexil; Casado cando vai a Barcelona a prometer unha «Lei de linguas» para que a mellor lingua de Cataluña non sexa o catalán, pois todo o mundo sabe que o Óscar á mellor lingua o leva o español. Digo «entrañábel» onde debera pór «estúpido».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos
Comentarios

Óscar á mellor lingua