Dez anos do bipartito


Seis anos gobernaron os nacionalistas, sempre en coalición cos socialistas, ao longo de catro décadas de autogoberno. Moito tempo non foi. Toca valoralo agora que se fan os dez anos dun goberno bipartito que, polo visto, quedou con moi poucos herdeiros que o reclamen. Non se esaxera ao dicir que nos catro anos daquel goberno emprendéronse máis proxectos ca en todos os anteriores e seguintes. O que marcou a calidade daqueles proxectos foi que unha vez postos en marcha a maioría deles nunca foron botados abaixo. Aí reside precisamente a diferenza cualitativa. Certo que non poucos foron renomeados, desfigurados, desaproveitados ou remodelados a conta da crise, pero un breve repaso confirma a idea de que neses catro anos, seis contando o tripartito de Laxe, Barreiro e Mariñas, fixéronse as trabes do que hoxe constitúen os resultados máis tanxibles da autonomía galega, CRTVG e Pelegrín á parte.

Uns cantos instrumentos marcan a importancia práctica das políticas do bipartito. Un deles foi a Axencia Galega de Emerxencias, que tan eficiente resultou dende a súa creación e que no accidente de Angrois marcou unha admirada diferenza de eficacia. Outras foron iniciativas controvertidas e mesmo moi criticadas polo PP, pero nunca as desmantelou. Como moito mudáronlles o nome, como as polémicas Galescolas, viradas en Galiñas Azuis, que aí seguen como sinal de identidade mesmo arquitectónica. Igual que o Bantegal (Banco de Terras) usado panfletariamente na campaña electoral para intentar asustar aos propietarios (todos -1,7 millóns- o somos en Galicia) coa expropiación forzosa. Ou o Consorcio Galego de Benestar, que agora engade Igualdade. No I+D xeral e universitario o impulso foi inmenso: pulo dos grupos de investigación, potentes programas de recursos humanos, creación das Plataformas Tecnolóxicas, da Oficina Europea de Proxectos en Bruxelas ou da Unidade Muller e Ciencia. O nivel de iniciativas só pode compararse co tripartito que levou adiante a creación das novas universidades. Imposible esquecer tampouco as primeiras políticas de memoria. En Sanidade non lembro iniciativa estrela, pero todo o que está a acontecer no Sergas acórdanos aqueles tempos mellores. Lembramos, si, as polémicas pola norma para protexer o litoral galego e evitar a especulación, xusto no intre en que a burbulla todo o devoraba con resultados como os de Barreiros.

Erros? Si, xaora, e tan cacarexados nestes dez anos en forma de pesada herdanza recibida que non toca hoxe lembralos máis. Choca máis a falta de herdeiros de Touriño e de Quintana e a memoria dos abstencionistas que deron o poder ao PP. Á vista dos relatos, o actual BNG séntese máis herdeiro de quen queimou aquel Goberno ca de quen o nutriu. Tampouco as novas formacións están por lembralo, e aínda hai algún deputado que puxo no seu currículo -enténdese que como mérito- que «abandonou o BNG durante o goberno bipartito». No PSOE, con máis sentido institucional e histórico, reivindican a Touriño e a Laxe, pero tampouco non queda moito quen reclame as políticas, non vai facelo Pachi nin outros desaparecidos en sucesivas primarias; mentres os superviventes sono, posiblemente, por calaren.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
32 votos
Comentarios

Dez anos do bipartito