Mulleres para mudar a historia


Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal… Contempladas dende a perspectiva que dá o tempo semellan esteos a termar dun edificio que medra, alicerces dunha causa que o pasado venres encheu as rúas de alento de liberdade. Sen demagoxias, o gran cambio cultural e social do século que iniciamos vai ser, sen dúbida, non só a incorporación da muller á vida laboral, académica, política, empresarial, etcétera, procesos que xa están en marcha e que só necesitan tempo para callar, senón unha transformación moito máis profunda, de carácter psicolóxico, ético, case poderiamos dicir que existencial, mudanza íntima de actitudes, valores e mentalidades que afecta á relación entre as persoas, entre os seres humanos, alén do sexo co que veñan ao mundo.

 En occidente o fenómeno é imparable, o que non quere dicir que non haxa reviradas, mecanismos de resistencia, ben frecuentes cando se manifestan procesos de transformación tan profundos, ou mesmo reaccións violentas nalgúns casos, que xa se están a producir. Son miles de anos de modelo patriarcal, digo ben: miles de anos! Nas representacións simbólicas da cultura dominante, Deus é un señor barbudo, non unha señora, nin un ente abstracto. Sigo a falar do noso contexto occidental, por suposto. Hai outros modelos, pero non son os próximos.

A revolución é moito máis radical do que parece. Sería unha frivolidade considerala como algo anecdótico ou circunstancial. Homes e mulleres, seres humanos, repito, alén de xénero ou sexo, estamos irremediablemente implicados nun tempo que xa está aquí e diante do que debemos prepararnos, uns e outras, porque a batalla é común, aféctanos a todos, e non se resolve con etiquetas oportunistas, empeza (debe comenzar) polo que temos máis preto de nós: o exemplo das familias, a escola, as relación na casa, entre irmáns, pais e nais, fillas e fillos, entre veciños, porque os grandes cambios afírmanse nos valores próximos, non na retórica dos discursos. Nesta cuestión igual ca noutras.

Citei ao principio desta marea ás nosas mulleres do século XIX. Rosalía álzase coma unha xigante, e outrosí Emilia Pardo Bazán, e Concepción Arenal, comprometida cos máis desamparados (e desamparadas). Isabel Burdiel, que está a presentar estes días unha magnífica biografía da autora de Marineda, pregúntase nunha entrevista que tería a Galicia daquel tempo (a Galicia de finais do século XIX e principios do século XX) para producir personalidades desta significación. A Galicia da necesidade. A Galicia da emigración. As viúvas de vivos, que cantou Rosalía. Mulleres do común sobre todo, na vida difícil das nosas aldeas, obrigadas a termar da casa e das familias cando os homes marchaban ou desaparecían. Todos temos na memoria nomes e apelidos próximos, aínda que non figuren nos grandes libros de Historia. 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
19 votos
Comentarios

Mulleres para mudar a historia