Axuda humanitaria, unha nova noticia falsa?

OPINIÓN

08 mar 2019 . Actualizado a las 15:53 h.

Nos últimos tempos os medios de comunicación, as redes sociais e incluso os gobernos están preocupados pola abundancia de noticias falsas, con novos termos como posverdade ou feitos alternativos. Pero a expresión que está triunfando é a de fake news, noticias falsas. Talvez entre nesta categoría unha noticia que seguimos con atención nas oenegués dedicadas á solidariedade internacional: o cargamento de axuda humanitaria que agarda na fronteira de Colombia para entrar en Venezuela. Calquera persoa de boa vontade aplaudiría esta benemérita iniciativa, xa non digamos os propios venezolanos, que están sufrindo privacións de produtos básicos como alimentos e medicinas. Daquela, por que o Goberno dese país impide a entrada da axuda?

A acción humanitaria é unha actividade moi antiga. Na época moderna, como deixou escrito Voltaire en Cándido ou o optimismo, tralo terremoto -e posterior incendio- de Lisboa, que asolou a cidade en 1755, o goberno portugués pediu (ollo a esta palabra) axuda internacional, que Inglaterra fixo efectiva. Cen anos despois, en 1859, tivo lugar a batalla de Solferino que enfrontou aos franceses -mandados por Napoleón III- e aos piemonteses contra os austríacos. As consecuencias daquel combate -miles e miles de feridos de ambos os bandos abandonados no campo de batalla- horrorizarían ao suízo Henry Dunant, quen promovería a constitución da Cruz Vermella, que se especializaría en axudar aos feridos nas guerras. Xa no século XX a guerra de España, as dúas Guerras Mundiais e sobre todo o conflito de Biafra en 1968 (que deu lugar ao nacemento da primeira ONG moderna, Médicos Sen Fronteiras) afianzaron o concepto da axuda humanitaria. Parello a esta evolución naceu o dereito internacional humanitario, baseado nos Convenios de Xenebra de 1949.

As normas establecen varios requisitos para a acción humanitaria: entre eles que a axuda sexa solicitada polo goberno do país receptor, que sexa independente, que non estea mesturada con asuntos políticos e que sexa irrevogable, non ligada a contraprestacións. Cumpre este cargamento co establecido nesas normas? Semella que non. Por un lado, non foi requirido nin aceptado polo Goberno do país, como si o foi, por exemplo, o leite en po americano aceptado por Franco nos anos 60, e que moitos nenos daquela época tomamos. Ademais, non vale todo: nas oenegués solidarias estamos cansos de recibir ofrecementos de axuda por parte de empresas, organismos, particulares... que ofrecen produtos, algúns deles verdadeiras insensateces, como a dun alcalde do Porriño dos anos 90, coñecido pola súa gran humanidade -pesaba case 180 quilos-, que, para solucionar a fame en Ruanda, ofreceu o envío de 10.000 quilos de callos que se preparaban nunha festa da puxante vila pontevedresa.

Recordamos tamén como na época da invasión de Iraq, no 2003, un gobernante español famoso polo seu acento pseudomexicano de «estamos trabajando en ello...» ofreceu ás ONG españolas máis de 500 millóns de euros para axuda humanitaria en Iraq, o que foi rexeitado por varias delas, como Oxfam Internón, que preferiron manter a súa independencia e non mesturarse con tropas belixerantes, a pesar de que por iso foron castigadas polo partido gobernante en España. Similar conduta están tendo hoxe entidades como a Sociedad Española de Medicina Humanitaria (Semhu), a Coordinadora Española de ONGD, o Instituto de Estudios sobre Conflictos y Acción Humanitaria (Iecah) e, xa no exterior, o propio Comité Internacional da Cruz Vermella (CICR), que denuncian o uso espurio desta acción humanitaria.

Sería desexable que nas lides políticas non se recorrese a chantaxes coma esta, que non fan senón aumentar a ansiedade e o sufrimento da poboación dun país, Venezuela, co que tantos galegos estamos ligados, e que merece o noso mellor apoio, iso si, con neutralidade e independencia.