Outra vez as linguas na campaña


Anuncia Pablo Casado, presidente do Partido Popular, unha Lei de Linguas Oficiais para España. Unha Lei de Linguas Oficiais que poña a cada quen no seu sitio, supoñemos que quere dicir. Nas súas primeiras declaracións mete no mesmo caldeiro a cataláns, vascos, galegos e o que apareza. Seica o castelán, lingua primeira do Estado, lingua única na xurisdición de Ávila, que é a representación do deputado, está gravemente ameazado e debe recuperar urxentemente o lugar que lle corresponde. Aínda hai pouco que representantes de Ciudadanos, partido que pretende ocupar espazos de equidistancia na política española, denunciaban nas portas do Parlamento que o español estaba a piques de desaparecer en Galicia (sic), cuestión grave á que cumpría poñer remedio de inmediato. Vaiche boa!

 Escribo non como presidente da Real Academia Galega. A RAG, se ten que pronunciarse, xa se pronunciará. Escribo esta marea como cidadán. Escribo como pai que educou os seus fillos en galego, malia contextos urbanos certamente adversos, e a quen lle gustaría poder facer o mesmo cos seus netos. Escribo logo de ver como nos colexios de infantil e primaria das nosas aldeas, onde a lingua primeira é a lingua galega, os rapaciños e rapaciñas, que falan a lingua dos seus avós na casa, perden esa lingua e pásanse ao castelán porque a gran máquina mediática, a que impón os modelos dominantes, a publicidade, os debuxos animados, os videoxogos, as músicas, as modas no vestir, as películas da televisión, etc., falan exclusivamente ou moi maioritariamente (esmagadoramente) en castelán, e non hai xeito de introducir modelos propios de referencia no discurso da globalización. Non hai xeito porque tampouco se destinan recursos.

Escribo pensando nun país que reclama unha administración que o atenda na súa lingua (funcionarios que pagamos todos) e que no seu idioma comparta cos demais pobos de España e de Europa o proxecto da modernidade. Escribo nun país que poida acoller a xente sen ter que renunciar a si mesmo, compartindo o mellor tesouro que temos, a convivencia e a propia identidade, os nomes das cousas, a representación do mundo que herdamos dos avós e queremos transmitir aos netos. Escribo a prol dun país que supere séculos de abaixamento e poida continuar avanzando na historia, sen perder o que con tanto sacrificio e con tanta lealdade popular construíu.

Estou a falar dun país (e mesmo dunha España) onde a diversidade sexa unha riqueza e unha declaración de principios, non unha concesión paternalista. Non somos un concurso de danzas rexionais. Estou a falar dunha lingua na universidade, na ciencia, no coñecemento, nas artes e na literatura, na comunicación e no dereito, na educación e no servizo á cidadanía. ¿Unha España diferente? Sen dúbida. Pero ou a construímos entre todos así, ou abofé que non será posible.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
52 votos
Comentarios

Outra vez as linguas na campaña