Titoría do alumno: 47,3 euros ao mes

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

27 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As críticas das federacións de ANPA en relación coa adscrición de profesores novos nos centros ás titorías, en especial no primeiro ciclo da ESO, volve poñer de actualidade unha clásica función docente, chea de importancia e de contido nos textos pedagóxicos e na normativa, pero moi afastada destas boas intencións na realidade. A lexislación vixente asigna ao titor máis de vinte funcións, sendo as principais a orientación e coñecemento do alumno, non só nos seus aspectos educativos, senón tamén persoais, así como da familia, nas facetas que teñan relación co seu rendemento académico. Encoméndalle ademais informar aos pais, fomentando a súa participación no centro, e coordinar aos profesores que imparten clase ao grupo de alumnos que ten asignados o titor. Son responsabilidades da máxima transcendencia para o adecuado progreso académico e persoal do alumno.

A titoría é inherente á docencia, pero, como nos centros o número de grupos de alumnos é inferior ao de profesores, algúns destes poden quedar exentos desa función. Para escapar dela, os máis veteranos aprovéitanse de que a antigüidade siga a ser, desacertadamente, o criterio prioritario neste tipo de nomeamentos. O director, responsable de asignar os titores a principio de curso, foxe do conflito e, con excepcións, designará aos últimos docentes en chegar ao centro.

Por que tratan os profesores de librar da función titora? Porque a ridícula cantidade que se paga por ela, 47,3 euros ao mes este ano, percíbena todos na súa nómina, sexan ou non titores. Unha norma do ano 2007 creaba outras funcións para xustificar o cobro destes cartos por parte de todos: apoios, reforzos ou dinamizacións no centro. Pero a económica non é a principal razón, senón os complexos momentos que atravesan as relacións familia-escola. A coordinación entre ambas é imprescindible, e, non obstante, hoxe a primeira causa de frustración dos profesores son os encontros ou reunións cos pais. Resulta difícil tratar con tranquilidade os verdadeiros problemas persoais ou académicos do alumno, pois acaban chocando puntos de vista moi diferentes sobre a educación dos fillos. Polo tanto, hai outra variable moi importante que non acostuma terse en conta, e que son as calidades persoais para afrontar unhas relacións humanas complexas. Fan falta empatía, carisma e capacidade de comunicación para ser un bo titor. Pode facer moito máis polo alumno e pola comunicación coas familias un profesor novo no centro con estas aptitudes ca un veterano que careza delas. Dando por suposta unha adecuada formación técnica, este debería ser o principal criterio de asignación a esas titorías das que todos escapan, mesmo por diante da experiencia.