8 de marzo, contra a fenda salarial

Eva Solla EN LIÑA

OPINIÓN

27 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A fenda salarial é o nome da diferenza salarial en contra das mulleres na que se expresan e materializan as numerosas discriminacións laborais que, por razóns de xénero, percorren o mercado de traballo. Cos últimos datos dispoñibles a retribución anual media dos homes en Galicia era de 23.774 euros, mentres que as mulleres só cobraron de media 18.294 euros, isto é, 5.480 euros menos. Tendo en conta estas cifras, cal é a fenda salarial? Pois non o 23 % que cobran máis os homes, senón o 30 %, porque este é o incremento necesario do salario medio das mulleres para conseguir a equiparación retributiva.

Unha fenda que se estende no tempo e que, lonxe de pecharse, agrándase. En 2014 a fenda salarial era do 26 %, subiu ata o 28 % en 2015 e no 2016 chegou ata o 30 %, o seu máximo valor.

Esta fenda salarial -5.500 euros, equivalente ao 30 % do salario anual das mulleres- está provocada por múltiples factores que se poden agrupar en tres tipos. Primeiro, a maior precariedade laboral das mulleres, con máis contratos temporais, máis rotación e sobre todo moito máis traballo a tempo parcial. Segundo, a desvalorización do traballo nos sectores feminizados e a estrutura salarial, en especial os complementos e as categorías. Terceiro, os atrancos á promoción interna e á carreira profesional das mulleres, provocados en boa medida porque son as que asumen a maior parte do traballo de coidados.

A comparación dos convenios colectivos serve para cuantificar a desvalorización do traballo das mulleres. Utilizando o téxtil como sector representativo das actividades feminizadas e o metal como o das masculinizadas vemos que unha persoa (muller fundamentalmente) que traballa como oficial especialista na industria téxtil ten un salario bruto anual de 13.588 euros, mentres que no metal (homes maioritariamente) cobra 20.741 euros.

Por que o salario no téxtil ten que ser inferior ao do metal sendo actividades de similar valor e complexidade? A razón é evidente: porque no téxtil traballan maioritariamente mulleres, e a súa actividade foi considerada secundaria, o que foi aproveitado para impoñer baixos salarios. Combater esta situación é unha tarefa longa e complexa, na que debe participar o conxunto da sociedade civil, especialmente os axentes que negocian os convenios; pero dende as políticas públicas, ademais das accións de medio e longo prazo, é posible actuar de forma urxente. Aí van catro propostas:

Mudar a regulación do traballo a tempo parcial, para facela máis garantista, derrogando a lexislación que o ten convertido nun contrato cun elevado grao de desprotección, e que afecta de maneira especial ás mulleres.

Seguir avanzando con intensidade na vía de subir o salario mínimo, que beneficia de forma especial ás mulleres, porque son as que traballan nos sectores de menores salarios. A suba do SMI a 900 euros foi un paso importante que debe ter continuidade, facendo que se cumpra o acordo entre sindicatos e patronal de que a partir de xaneiro do ano que vén sexa de 1.000 euros en 14 pagas.

Potenciar a actuación da inspección de traballo, con plans específicos de control das irregularidades en contra das mulleres, combatendo a fraude e a precariedade. Impulsar as medidas para a igualdade de xénero no ámbito laboral, regulando con urxencia os permisos de maternidade/paternidade, iguais, obrigatorios e intransferibles.

A fenda salarial e a desvalorización do traballo das mulleres son elementos cruciais contra os que loitar. Motivos máis que suficientes para a folga do 8 de marzo, motivos para saírmos ás rúas a defender os nosos dereitos.