O Vaticano e os tempos do mundo

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

26 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Tocoume vivir en Irlanda a enxurrada de xuízos contra cregos por abusos sexuais a menores. A católica Irlanda esfiañábase con ducias de cregos anciáns que eran acusados nos tribunais polas súas vítimas, pouco máis novas ca eles. Nunca tal se vira. Intentando tapar un asunto que se abría paso dende mediados de 1980 a Igrexa irlandesa acabou provocando un inmenso escándalo. En tres meses da primavera de 1999 encadeáronse o suicidio no cárcere dun relixioso acusado de sesenta cargos de abuso mentres agardaba xuízo, o documental States of Fear, que trataba a fondo a historia dos abusos dende os anos corenta, e unha decisiva declaración do primeiro ministro Bertie Ahern: «A longamente atrasada desculpa» ás vítimas dos abusos. As autoridades eclesiásticas intentárano todo: mediar, agochar, obrigar, pagar a presión política. Pouco antes mesturaran o primeiro xuízo por abusos sexuais contra do sacerdote Brendan Smyth co conflito norirlandés e un primeiro ministro da República de Irlanda tivo que dimitir acusado de atrasar, en conivencia coa xerarquía eclesiástica, a solicitude de extradición do crego en cuestión.

Vinte anos despois daquela baixada aos infernos da Igrexa dun dos países máis católicos do mundo, e cincuenta anos despois das primeiras denuncias públicas nos Estados Unidos, o papa Francisco toma cartas no asunto con certa contundencia. Dunha institución anterior a calquera Estado, herdeira directa do Imperio romano ?cuxo lugar ocupou? e que pasou polas vicisitudes de case dous mil anos da historia europea e mundial non se podía agardar moito máis do que Francisco foi quen de ofrecer. Acordar someterse ás leis civís fronte á mala práctica da Igrexa para limpar esta lacra. Inimaxinable hai pouco tempo e difícil de materializar nunha institución que vén actuando historicamente como un poder coas súas leis, as súas normas e a resiliencia necesaria para manter unha privilexiada posición política e económica. Se algo soubo facer a Igrexa católica ao longo de dous milenios foi superar dificultades e resistir adaptándose aos cambios con toda a lentitude da que foi capaz, para garantir a súa unidade e poder. Non sempre o logrou, e por iso tivo fracturas tan notables como a luterana.

Dous papas resistiron a evidencia dos abusos sexuais e todos a masiva vulneración do celibato. Lembrando a Rosalía de Castro recordamos tamén os cregos que todos os galegos temos entre os nosos devanceiros. Só un papa americano podía atreverse. Foi en Estados Unidos no 1985, cando o asunto dos cregos pederastas se converteu nun asunto público; alí empezaron as denuncias que saltaron a Irlanda. A famosa investigación de The Boston Globe en 2002, recollida no filme Spotlight, aireou a magnitude do problema e puxo definitivamente fin á ocultación de milleiros -un informe da Igrexa citado pola BBC estima catro milleiros en cincuenta anos- de depredadores sexuais dentro da Igrexa. Non sabemos que dará de si este Sínodo. Do que podemos estar seguros é de que na Igrexa española e noutras doutros países da Europa onde o catolicismo é a práctica relixiosa máis estendida o asunto aínda non comezou.