Galicia, sitio distinto

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

18 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Se Galicia fose unha circunscripción electoral única tería algún sentido a decisión da asemblea de En Marea de renunciar a formar coalición con outras forzas nas inminentes eleccións xerais do 28 de abril, porque a fragmentación sería menor.

A falla de experiencia política e a incapacidade para analizar ben o contexto poden estar na orixe dunha decisión que, en ningún caso, permitirá repetir o anterior cómputo de escanos no Congreso. Daquela, o apelativo de partido instrumental dará paso ao de inservible pois as solucións non se albiscan polo de agora. Luís Villares descarta a coalición e incorre, ademais, nunha barbaridade: «admitir a dobre militancia de adscrición individual de xeito que compañeiros e compañeiras, mesmo cando militen noutras forzas políticas, participen activamente no proceso de primarias e na conformación de candidaturas de En Marea» (sic). É de supoñer que ese mesmo criterio se seguirá para as listas das municipais, co que parte da orixinalidade do seu liderado, que ía ser temporal, consolidaría un novo xeito que podería chamarse «o voto do cuco», ou sexa, poñer os ovos nos niños doutros paxaros para que llos críen.

Sen dúbida, Alexandra Fernández fixo mal ao desmarcarse do apoio aos orzamentos presentados polo Goberno socialista, atendendo a disputas locais da súa marca nos concellos. Conseguiu a crítica dun Beiras, curtido en mil batallas, que dera o seu visto bo para a ruptura definitiva co villarismo e pedira o voto favorable aos orzamentos. Evidentemente, procuraba evitar unha convocatoria electoral coincidente coa emerxencia da extrema dereita.