Despoboamento e fondos da UE

Serafín Pazos Vidal FIRMA INVITADA

OPINIÓN

15 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Este xoves, os eurodeputados votaron en Estrasburgo que os fondos Feder 2021-2027 destinen un 5 % ás provincias con baixa densidade de poboación, rápido despoboamento e crise demográfica. Estamos a falar de 13.000 millóns en toda Europa e uns 1.500 para España. Se ben a Eurocámara leva un tempo pronunciándose a favor dunha política europea contra o despoboamento, é a primeira vez que se poñen sobre a mesa sumas concretas de diñeiro. As axudas destinaranse ás provincias e comarcas, xa que os mapas autonómicos escurecen a dimensión do problema.

Satisfacción de ver aprobada unha proposta que un axudou a redactar, pero o éxito ten moitos pais e é bo que así sexa. Políticos de tódalas cores involucráronse para facer isto realidade, así coma moitas organizacións. Mais aínda falta que os Estados se sumen. Nese senso, o Goberno de España ten unha oportunidade de liderar entre os seus parceiros a solución a un problema que non é español, senón europeo: neses mesmos territorios en crise é onde latexa a xeografía do descontento e o extremismo. En breve iremos a varias eleccións, oportunidade para que os partidos fagan seu o consenso xa acadado na Eurocámara.

Mais o risco, sobre todo se tamén hai eleccións xerais, é que se perda esta oportunidade. Ou que se adíe outra vez máis a Estratexia da Comisionada para o Reto Demográfico, malia que xa sabemos que proporá Oficinas de Despoboamento nos vinte territorios con problemas máis urxentes ou Espazos de Innovación Rural -na liña da Iniciativa Vilas Intelixentes á que a Eurocámara acordou conceder 2.000 millóns-. Existen cando menos seis campañas a nivel español e europeo, e moitas outras a nivel autonómico e local, para sensibilizar e facer lobby sobre este tema. Demasiada dispersión e o hiato electoral non axuda.

Desde abril, os funcionarios da Comisión Europea e os do Ministerio de Facenda comezarán a acordar as prioridades de investimento para España. Moito se vai negociar antes de que os políticos volvan aos seus despachos. Como di Julio Llamazares, pioneiro en abordar este tema, «falar está todo falado, agora toca actuar».